Skip to content

Rompe a falar: o xogo de rol? (2002)

Lembrades a miña investigación sobre a historia do rol en galego?

Pois imaxinade a miña sorpresa cando lin esta nova do 2002: «Correlingua achega este ano unha novidade fundamental: o primeiro xogo de rol en galego». Por riba, no texto din que o autor non era outro que Séchu Sende, cuxo libro Made in Galiza é unha auténtica marabilla, e xa me saltou o fanboyismo. (lédelo, ídelo adorar)

Capa do libro "Made in Galiza" de Séchu Sende.

Sería tal logo? Tiña que saber máis! Pero por moito que procurei, non atopei o tal xogo á venda, nin escaneado en PDF, nin nada semellante. Se quería chegar ao fondo, tería de ir á fonte.

Meu dito, meu feito: escribinlle un mail ao Séchu e, para a miña sorpresa, respondeu decontado. Tiña copias a esgalla e podía darme unha; ademais, convidábame a un café en Santiago para falar do tema. Sentíame como, non sei, unha mistura entre Watergate e Indiana Jones. Atopando artefactos históricos perdidos no tempo que poderían reescribir a nosa historia cultural.

Para Compostela que fun. O Séchu resulta que é un amor de persoa, riquiño como ningún, e contoume a historia toda. Resulta que el non tiña moita idea de rol, pero como profe de galego quería dinamizar nas aulas e sempre andaba á procura de novas formas. (Agora, por exemplo, anda a traballar as regueifas e o TikTok. Sempre na onda.) Que investigou un pouco e fixo o que puido, e que malia o xogo quedar un pouco enrevesado, sabe que se empregou nas aulas e cumpriu axeitadamente.

Eu estaba que non podía cos nervos. E velaquí o que trouxen de volta: “Rompe a falar!”. É o tal primeiro xogo de rol en galego? Pois… vexamos.

O primeiro que vin na caixa foi a folla de personaxe. É un bo sinal. Nome da personaxe, puntuacións… Ben, o esperado.

As puntuacións mesmo se definen con tiradas, como o rol vella escola!

E dado usa, que trae un d6… pero tamén fichiñas e… un taboleiro? A ver a ver, como vai isto?

Pois o conto vai así: segundo os xogadores avanzan polo taboleiro, teñen que se enfrontar a situacións (eventos fóra do seu control) e retos (eventos que poden rematar dunha de dúas formas).

O problema é que malia o que puiderdes pensar, os retos solvéntanse puramente co resultado das tiradas, sen teren os xogadores oportunidade de influír no resultado actuando… Son un pouco como as cartas de Comunidade do Monopoly, pero no canto de gañar ou perder cartos van afectando ás túas puntuacións.

Para pasar dunha cor a outra precisas ter um mínimo de puntos na súa característica, e para gañares tes que acadar o máximo na puntuación de uso da lingua, que é o obxectivo do xogo.

Na folla de orientacións para o profesorado veñen algunhas ideas máis de probas, pero seguen sen requerir actuar, importando unicamente as puntuacións.

Vaia, que realmente é un xogo de cero xogadores, como a oca: todo vén determinado matemáticamente polo dado e as puntuacións, e os xogadores non toman decisión ningunha en ningún momento para afectar ao seu posíbel éxito. Isto veñen a ser as antípodas do rol: se o rol é actuar para determinar a situación e logo resolvela cos dados, aquí apenas está a parte dos dados, que é xustamente a prescindíbel, e falta a esencial.

Polo tanto, é efectivamente “Rompe a falar!” o primeiro xogo de rol en galego? En absoluto. Gáidil segue a ter esa honra. É a primeira tentativa de facer un xogo de rol en galego? Iso pode ser mais discutíbel. A intención estaba aí; malia o resultado ser de todo menos iso.

Persoalmente consideraría “Rompe a falar!” unha especie de prehistoria do rol en galego. Como esa xente que quería inventar os avións e guindábase dun risco axitando as mans. Boa intención, pero faltaba enxeñería.

En calquera caso, por favor, seguide todos a facer ocio alternativo en galego. Todo o que se faga é bo e importante, saia como saia. Eu seguirei a investigar máis sobre a nosa historia.

Graciñas a Séchu Sende polo seu traballo e colaboración.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.