Skip to content

Rolsticio

Se

  • buscas oportunidades para practicar o teu galego
  • e/ou nunca xogaches ao rol

Este nadal teño algo que propoñerche.

Quero darlle máis pulo aos xogos de rol en galego, e para iso vou explotalo como actividade para neofalantes. Hai moitas persoas que queren falar máis galego pero non teñen un lugar descontraído onde practicalo en naturalidade, fóra dunha clase, sen medo a seren xulgados.

O rol é contar contos: inventar historias, finxir sérmonos outras persoas e pasalo ben. Xa que logo, é o ambiente perfecto para “xogar” a falar en galego. Nel, a lingua non é o obxectivo, senon a ferramenta para pasar bos momentos. Se a idea te chama a atención, aquí che ofrezo as catro primeiras sesións que vou facer con esta idea, as findes do 26-27 de decembro e 2-3 de xaneiro. As partidas decorrerán no Discord de Galicia Rolera (máis info ao final do fío).

E reitero: ningunha delas require saber absolutamente nada de rol! O único que precisas é ter ganas de falar en galego —no teu nivel, sexa cal for— sen medo a meter a zoca. A ninguén nos vai importar!

Comezamos coas dúas sesións (independentes) de «Pola Raíña!» Este xogo é supersinxelo: por quendas imos respondendo preguntas, inventándonos detalles da nosa relación coa raíña, ata que ela é atacada e cada un ten que decidir: queres defenderla ou deixala á mercede dos inimigos?

Imaxe promocional da partida de Pola Raíña!

Outra sesión é de Fiasco, o xogo inspirado nos filmes dos irmáns Coen como Fargo. Científicos pasando o Nadal na Antártida que ceiban os seus impulsos para traizoar, cortexar e asasinar a quen desexaren, nun precioso caos de ambición e falta de autocontrol. Risas e traxedia!

Imaxe promocional da partida de Fiasco.

E a derradeira sesión lévanos… ao universo Star Wars! A vosa misión no escuadrón Tango é evitardes o intercambio de datos que acontecerá durante o Fin de Ano nun casino imperial. Seredes quen de entrar, roubar e escapar vivos co obxectivo?

Imaxe promocional da partida de Tango Squad.

Todas estas historias podes vivilas en galego este Nadal. Atréveste? Pois entra no Discord de Galicia Rolera e, no canal #reserva-plaza-en-rolsticio, preme ✅ debaixo da mensaxe correspondente á partida que desexes. Listo!

Para calquera duda que teñades aquí estou. Vémonos!

PD. Para quen estea a ter problemas para saber onde apuntarse:

  • entra no servidor
  • vai ao canal reserva-plaza-en-rolsticio
  • localiza a partida que che interesa
  • preme no ✅ debaixo da mensaxe

Listo, verás o teu nome en “Accepted”!

Captura de unha mensaxe de Discord para apuntarse a unha partida de rol.

Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.