Skip to content

Por se chego engadir un blogroll

Sigo de reformas no blogue.

Deume por considerar a idea de engadir un blogroll á barra lateral, un pequeno listado de outros blogues amigos ou recomendados aos que dar pulo. A miña intención era ter unha manchea deles e que cada vez que cargues a páxina te saque un par ao chou.

Ben, para empezar, WordPress agochou hai xa varios anos o xestor de ligazóns interno que ten. Segue aí, de feito ata segue a ser traducido, pero non está accesíbel. Por sorte, abonda con instalar o plugin Link Manager (feito hai 11 anos!), que apenas troca unha variable interna de false a true, para que apareza enteiriño no escritorio de administración.

Despois, após engadires as ligazóns alí dentro dunha categoría (por exemplo, “Blogroll”), tes que ir a Apariencia > Widgets e engadir un bloque de tipo Ligazóns. Escollas a tal categoría Blogroll, ordenados ao chou, pós un límite, e gardas.

Pode que nese momento te saia un erro que di algo tipo “Houbo un erro. O JSON non é válido“, non lembro exactamente que non o copiei. En inglés disque é “There was an error. The response is not a valid JSON response.“. Se abres a consola de desenvolvedor do navegador verás que o erro realmente ten que ver con unha petición OPTIONS realizada a /wp-json que devolve “Failed to load resource: the server responded with a status of 405” (ou sexa, Method Not Allowed).

Para arranxares iso vas ter que dar un paso atrás: o problema é coa config de nginx! Para poderes gardar as mudas nos widgets tes que ir á config do sitio en nginx e trocares esta liña:

location ~ ^/wp-json/ {
  rewrite ^/wp-json/(.*?)$ /?rest_route=/$1 last;
}

Por esta (engandindo index.php):

location ~ ^/wp-json/ {
   rewrite ^/wp-json/(.*?)$ /index.php?rest_route=/$1 last;
}

Con iso xa podes gardar a config, reiniciar nginx, gardar o widget, recargares a túa páxina e list… ui! Seguramente esteas a ver un 0 tras o nome das túas ligazóns. O que é iso?

Pois é o ‘rating’, a puntuación que lle podes dar a cada ligazón. Hai unha opción no widget para que se mostre ou non. “Pero”, dirás ti, “se eu a teño desactivada!”. Xa fillo, eu tamén, pero isto xa é un bug do WordPress durante o proceso de garda do widget. Tirei un pouco do fío e pesquisei onde está o problema, e mesmo que o arranxo non é complicado, así que abrín un ticket para lles informar. Podes aplicar a muda en local (pero se perderá cando actualices WP) ou ter paciencia en ver se aceptan e incorporan o fix.

Eu polo de agora, como só estaba explorando a idea do blogroll, vouno retirar outra vez e deixalo aquí polo momento.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.