Skip to content

Perigo

—Toma esta, malfeitor!

Os puños de Supervingador caían nunha sarabiada de golpes sobre o monstro mutante.

—Así aprenderás!

Asiuno pola cola e guindouno contra un edificio, blam! Soterrado sobre os cascotes, a besta botou o seu derradeiro alento. Supervingador xirouse entón cara o público e sorriu, erguendo os brazos. Pero apenas recibiu algún aplauso illado. A policía, apática, reabriu o paso e a xente buliu de novo cara os seus traballos, apurando os seus cafés e rosmando exasperada polo corte das rúas.

Supervingador deixou caer a cabeza e voltou flotando cara a súa Fortaleza Celestial.

Unha semana despois, o radar cósmico pitou de novo. Un alieníxena do planeta Belicox aterraba na cidade para comezar unha conquista galáctica! Supervingador zoou a toda presa cara o ovni, aparcado convenientemente na praza maior.

Xa perto do chan, decelerou para poñer a súa pose de superheroe. Cara arriba, brazos abertos aos lados. Pero non houbo aclamacións. A policía xa estaba alí, mastigando chicle, de costas a todo, agardando a que se resolvese o problema. Tras deles, a xente tomaba cafés nas terrazas. Sen interromper a súa pose, Supervingador notou de esguello como moitos ollaban para os seus reloxos, impacientes e molestos coa situación.

A cidade xa se acostumara ás súas fazañas. Non tiña nada de emoción nin de novidade verlle bater de novo noutro coitado supervilán despistado. Mentres lle pechaba unha e otra vez a porta do ovni na cachola ao alieníxena, Supervingador meditaba sobre o ingrato de ser bo de máis no seu traballo.

Absorto nos seus pensamentos, só voltou á realidade cando escoitou un berro de sorpresa entre o público. Reaccionaban! Que estaba a acontecer? Mirou para abaixo e viu que o alieníxena se escorregara de entre os seus brazos e o apuntaba cunha pistola. A uns metros, os policías deixaran de mastigar chicle. Ao seu lado, algunhas persoas mesmo sacaran os móbiles e estaban a gravar a escena.

—Acougade, cidadáns! Non hai razón para temer!

Supervingador nin se molestou en moverse. O alieníxena emitiu uns chillidos e disparoulle afanadamente. Todas as balas impactaron, pero ningunha delas fixo mal ningún ao superheroe, quen permaneceu completamente quieto e sorrinte.

—Vedes? Todo está ben.

A xente gardou os móbiles de novo. O chicle volveu facer globos nas bocas.

Nese momento, Supervingador tivo unha idea. Deixou caer un xeonllo ao chan e exclamou:

—… au!

O silencio inundou a praza para logo irromper nunha arfada de preocupación. A as redes sociales arderon. A xente amoreouse nas cancelas para veren máis de perto. Todas as cámaras apuntaban, como había tempo que non o facían, cara o superheroe.

Desde ese día, Supervingador entendeu e deulle ao seu público o que quería.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Danger.