Skip to content

Outono en Castrelo

Faime moita ilusión contarvos que fun un dos quince seleccionados para probar o incrible paquete turístico do Náutico de Castrelo esta fin de semana. Xa me tardaba coñecer máis outro espectacular anaquiño do país e gozar da súa comida, paisaxes e historia.


Comezamos o Outono en Castrelo cunha visita á adega Ramón de Casar e xa nada máis chegar, vaia vistas.

Eu cunha máscara vermella en fronte dun amplo paisaxe de vides e encoro.

ola son a Ter galega

Está moi chulo o asunto, resulta que o tal Ramón emigrou a Venezuela así que fixeron toda a imaxe de marca en torno á emigración, con fotos de Alberto Martí. Para un dos viños, saído tras el morrer, mesmo tiraron a súa letra dunha axenda para escribir o nome (o Nobre do medio).

E a catar! Cinco viños para abrir o apetito.

Todos boísimos, pero o quinto entrou de forma especial e vai para casa.

Agora xantando no náutico. Todo moi rico! E nunca probara as anguías! Estanche ben, saben a parrochas.

E o cumprido café con sobremesas gozando da paisaxe ☕️


Estamos agora na Adega Pousadoiro, unha adega de colleiteiro, unha figura única da D. O. Ribeiro. As adegas de colleiteiro son as que usan exclusivamente uva propia, sen comprarllas a ninguén. Son viños máis persoais, feitos con máis coidado e tempo, e que usan de media 90% de variedades autóctonas (contra un 40% nas adegas industriais).

E houbo cata tamén, ou que pensabades? E levei outra botelliña.

E bulimos a dar un paseíño polo encoro para gozar dos ceos do solpor.

Un anaco tras marchar o sol, tivemos unha sesión astronómica no pantalán a cargo de @CeosGalegos. Non poño foto porque claro era a escuras e non veríades nada 🤷.

Para cear, maxiburger de cachena (unha raza autóctona de vaca do Xurés) con queixo do Cebreiro. Buah, riquísima.

(Inciso: cóntanos @nutrimelanie que estuda PSICONEUROINMUNOENDOCRINOLOXÍA. Non é broma. Nunca vin tantos prefixos na mesma palabra 😱)

Non podía faltar un magostiño e poñemos fin por hoxe 😊 Boa noite!


Bo día! Seguimos co Outono En Castrelo Weekend Experience! Comezamos almorzando no Garden Lodge Hostal Evencio de Ribadavia, onde pasamos a noite.

No vídeo non se aprecia ben, pero hoxe hai unha néboa preciosa no encoro, que sube da superficie cara os outeiros.

Esta mañá a primeira visita é ao Castro de Santa Lucía. Chégase subindo por un camiño uns 10 minutiños (así que cómpre levar bo zapato) pero mirade que delicia de paseo!

Unha adiviña mentres subimos, a ver se a sabedes: «Alto me vexo no meu pelendrexo, o ladrón vexo vir e non podo fuxir» Quen son?

Efectivamente, un ourizo! E alén de castiñeiros, neste monte vizoso podemos atopar tamén carballos, sobreiras, cogumelos, morogos, merendiñas… pero ningún eucalipto 💚

Xa chegados, o máis impresionante deste castro son os impoñentes penedos ao redor do que se sitúa.

Algunhas fotos máis para que aprecedes ben o tamaño.

A nosa guía, Rosa Dorado, falou tamén do lagar rupestre do castro, como moitos na Galiza, que demostran que xa na época castrexa se facía viño.


Agora imos de camiño á igrexa. Sabedes por que o cruceiro ten ese mesado tan alto? Chámase «pousadoiro» e usábase para poder deitar as cargas e descansar cando ías dun sitio ao outro… incluído o morto cando se levaba para o camposanto.

O propio camiño a través da parroquia é bonito.

E ao chegarmos á igrexa mirade que espectáculo de flores nos agardaba! (É o que ten irmos xusto tras Defuntos)

Na zona do Ribeiro hai unhas 59 iglesias románicas e uns 90 pazos. Parecen moitas, pero pensade que a provincia de Ourense perdeu a metade da poboación nos últimos 100 anos. Aquí había prosperidade, vendíase viño a todo o país (xa que no norte sae máis ácedo).

De feito notaredes que a igrexa presenta unha parte románica (a ábside, a parte redonda) canda unhas reformas barrocas con pináculos (as columnas exteriores). E iso significa que había cartos para construír, vaia. A reforma, por certo, foi porque a outra metade caeu derrubada cando o terremoto de Lisboa de 1755.

Velaquí a tedes por dentro:

Santa María de Castrelo de Miño foi centro da historia medieval: no s. X comezou como mosteiro feminino baixo Dona Goto (viuda do rei Sancho Órdoñez); no s. XII, apresaron no seu interior a dúas personaxes fundamentais da Galiza… pero teredes que vir para saberdes quen 😉

Se as vistas xa están moi ben así, imaxinades como eran sen o encoro? Cando se construíu nos anos 50 houbo moitas protestas, pois asolagou unhas das terras máis fértiles de todo o país.

Déixovos con este detalle da cornixa (podedes atopar nel unha píntega e máis un acio?) mentres voltamos para xantar, que xa hai fame.

Momento instagram: consomé (case tan bo como o pan que o acompaña!) ) e cocido de porco celta 😋

Mirade que encadre. Esta empanada de mazá e arroz con leite ben o merecen.

E finalmente pechamos cunha sesión de feedback comentando o que máis nos gustou, o que menos, e discutindo ideas para mellorar o produto.

E ata aquí o Weekend Experience de Outono En Castrelo! Obrigadísimo a @nauticocastrelo polo convite e a organización e a todos os compañeiros e compañeiras por una finde estupenda. Ao resto dígovos: non perdades de facer a visita, teñen un tesouro entre mans e paga toda a pena 👌


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.