E non saíron mal!
Queríamos telas feitas xa polo Entroido pero en fin a vida xa se sabe. E nunha destas compramos unha ducia de ovos, chegamos a casa e resulta que tiñamos xa outra ducia sen empezar, e ao día seguinte fomos comprar picadillo ao súper e regalaban mais outra ducia, e vímonos con 36 ovos na casa e había que gastalos.
(De feito ademáis de filloas fixemos tamén tortilla de patacas e este flan que vedes aquí embaixo. Eu non vos sabía que facer flan era tan sinxelo; foi un perigo enterarme…)
Voltando ás filloas: total, que como había tempo que non as facía, pedínlles aos meus pais a súa receita e onte fixemos unhas poucas. Eles bótanlle anís, así que houbo que compralo, e non foi doado atopar botella de medio litro. Porque claro unha de un litro non iamos comprar que non se baixa. Xa a de medio é unha burrada que só lle botamos un chorriño. Pero a min, que non adoito bebelo, ese cheiriño ao abrir a botella lembroume a infancia e ás boliñas de anís que xa non se ven e que tanto me prestaban de lambonada.
En calquera caso non saíron mal (talvez un chisco grosas) e tomeinas hoxe de almorzo con manteiga de cacahuete e mel. Ademais así lle saquei aínda máis partido a unha das miñas compras favoritas do último ano, esta tixola:
Évos practiquísima! Ao ser máis pequena vai perfecta para fritir un ovo usando menos aceite, porque enseguida ten profundidade. Tamén para saltear un pouco chourizo, para quentar una tapiña de pisto sobrante ou, neste caso, facer filloas do tamaño perfecto. Esta é de IKEA. Eu cada vez que a collo éncheme de ilusión 😍
Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.