Skip to content

O Lobo

As botas enlamadas esvaraban sobre a neve con cada paso. O home agarrábase aos bordos dos penedos mentres trepaba a montaña, case sen sentir as rochas a clavárense nas mans. Pero non podía dar volta agora. Non estando tan perto e con todo o seu pobo a depender del.

Cando deu chegado ao cumio, a grota seguía onde había de estar. Acendeu zouponamente unha tea e entrou. O lume iluminou o altar, os símbolos no chan e mais un fatídico monte de pelello e ósos nun recuncho. Imposíbel. Onde estaba o Garda? Tiña o deber sagrado de defender o Lobo, por riba de calquera outra prioridade. Virou a tea cara a esquerda e alí o atopou, deitado no chan nunha contorsión inverosímil e co corpo cheo de dentadas.

O aprendiz chegou un par de minutos despois. O vello xa limpara a estancia e redibuxara as runas con xiz.

— Mataron o Lobo, mestre?
— Mataron.
— Condenados! Xa é a terceira vez! E que imos facer agora? Os deuses vanse decatar…

O mestre apartou a mirada. Logo suspirou e mutou o seu corpo, arqueando as costas, brotando pelo polos brazos e pernas.

— Agora tócanos a nós, Garda. —dixo o novo Lobo.