Sabíades a orixe do apelido de Rocky Balboa? Vinde que volo explico.
Rocky estaría inspirado, entre outros, no boxeador Roberto Durán, do Panamá, onde a moeda é o balboa. Tamén é posíbel que os guionistas colleran o apelido do Balboa Park de San Diego (California), inda que semella máis improbábel.
En calquera caso, ambas as dúas cousas toman o nome do explorador Vasco Núñez de Balboa. Malia ser el nado na Estremadura, o seu pai, Nuño Arias de Balboa, pertencía a unha linaxe de máis ao norte (e non eran os Stark, non). Os Balboa viñan do castelo de Balboa, cabo do río Balboa, na aldea que inda hoxe se chama oficialmente Balboa… no Bierzo, León.
Efectivamente, os antergos de Rocky Balboa terían nacido na Galiza estremeira, e polo tanto xa estaredes a decatarvos de que o apelido de Rocky é galego ao cen por cen. Balboa, val-boa. O val que é bo (antes, «val» era feminino).
Porque nesta vida nada está nunca a máis de dos graos de separación dun galego. Somos a versión riquiña dos Illuminati 🙂
Publicado orixinalmente en Twitter.
Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.