Skip to content

Microsoft 3D Creador de Películas

O Microsoft 3D Creador de Películas foi unha das cousas máis divertidas coas que teño xogado na miña vida. Modernizado, aínda sería unha cousa entretidísima.

Dábache un catálogo de escenarios, obxectos, personaxes e xestos predefinidos, e ti combinábalos e movíalos e grababas a túa voz por riba para os diálogos. E veña. Incríbel a flexibilidade que dá xogar con catro cousas. Mirade por exemplo esta xoia.

De rapaz tiña un bo monte de filmes feitos con el. Por desgraza, perdinos todos nun accidente no que aprendín que un Acceso Directo non é o mesmo que unha copia, e se borras o orixinal, perdes todo… A culpa foi de querer usar un set de ícones de Bart Simpson como estes de aquí abaixo, que me levou a crear Accesos Directos para todo o que tiña para poñerlles os ícones, e claro logo quedaba feo ter ao lado a carpeta orixinal e… en fin.

Captura dun set de ficheiros ICO tamaño 32x32 con caras das personaxes dos Simpsons.

Así que quedaredes sen ver, entre outras, a saga de acción de Paco Bond, protagonizada por este paisano con chapéu da dereita, que contaba con entregas como “Picantes para la Eternidad”, onde se explica por que pican os pementos.

Captura do Microsoft 3D Creador de Películas onde se ven dúas personaxes. A da esquerda leva unha bolsa de papel na cabeza. A da dereita, un chapeu e colo alto que lle tapa todo agás os ollos.

Resulta que o almacén mundial de pementos estaba ao carón do almacén mundial de pementa, e tras unha persecución e explosión loitando contra un vilán, derrubáronse os muros e os pementos quedaron cubertos de pementa para sempre. De cativo facíame moita graza porque pensaba «haha, pero de onde sacaron a pementa se non é dos pementos? non ten sentido haha». Logo descubrín que veñen de dúas plantas diferentes 🤯

…isto é, descubrino hai cinco minutos 🙃


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.