Skip to content

Marvel Snap

Nunca xogo a xogos de móvil. Apenas tiña algún instalado (como o Grelo) para os dous momentos ao ano no que teño que matar tempo. Por isto, sorpréndome convencido de que Marvel Snap é do mellor que xoguei na última década 🤯. Alégrome moitísimo de telo probado.

Marvel Snap é un xogo de cartas onde xogas con mazos de doce cartas en duelos curtos de 4-5 minutos. Seis turnos, onde en cada un vas tendo 1, 2, etc enerxías para xogar as túas cartas. Ao final, quen controle 2 das 3 localizacións, gaña.

As localizacións gáñanse pola suma da forza das personaxes que puxeches nelas. Pero, alén, da forza, a meirande parte delas ten unha habilidade, e tamén as teñen as localizacións. Case todas, moi simples.

Exemplos de cartas do Marvel Snap.

E velaí a mestría do seu deseño. Cun plantexamento sinxelo e habilidades simples é quen de acadar unha complexidade e variedade de estratexias moi interesante, ao tempo que fai que cada partida sexa sempre distinta. Non é nada fácil de lograr, e sorpréndome todo o rato vendo como cartas que inicialmente pensaba «isto non vale para nada» acaban sendo clave en certos momentos ou mazos axeitados. É lúdicamente soberbio.

Eu teño varios mazos construídos: de efectos disparados, de roubarlle cartas ao outro, de encher a mesa toda, de andar movendo de sitio, de cancelar habilidades alleas… E como son de apenas unha ducia de cartas, enseguida montas outro e probas variantes. Como curiosidade, por seguir unha nomenclatura, decidín nomear os mazos alfabéticamente segundo vilas da península. Por agora levo Avilés, Bueu, Cornellà, Dènia, Eibar, Faro e Guadalix.

En resumo: Marvel Snap é adictivo, adictivo no sentido clásico e bo do termo, de xogo que non podes deixar de xogar por divertido. O que se supón que deben ser os xogos! O «un turno extra» do Civ é aquí o «unha partidiña máis, que son tres minutos». Unha xoia.

E por acougar o temor habitual: é gratis de todo e, malia que podes pagar para desbloquear cousas antes, nin cómpre nin che dan turra. Eu non metín cartos (aínda), malia levar ducias de horas, pero tamén vos digo: o traballazo redondo que ten isto detrás ben o merecería… e non, non levo comisión 😅 Pero se algo me dá tantas horas de pracer e está tan inesperadamente ben feito, que menos que evanxelizar un pouco. Ídeo probar e logo me contades.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.