Skip to content

Mancebía

Pequena disertación sobre linguas e novos modelos de parella que remata nunha proposta neolóxica destas que vos van prestar.

Durante o século XX os modelos de familia, parella e convivencia foron mudando, ás veces tan devagar que non se chegaron a nomear as novas realidades de xeito distinto.

As vodas son un fenómeno en retroceso. A xente non lle dá a importancia doutras alturas e pospóñeno, ou fano sen celebración, que ás veces as amizades nin son conscientes de quen casou xa e quen non. Antes polo menos marcaba quen «entraba» na carreira de ter fillos, cousa que agora semella do paleolítico. Casar pasou a ser un trámite legal sen máis significado.

Pola contra, coa suba do prezo dos alugueres, a convivencia (que antes non se daba ata o casamento) pasou a ser unha opción a considerar, e penso que a natureza dunha relación así si é significante respecto do seu compromiso. É o gran paso que antes era a voda: muda todo.

Pois ben, en Suecia teñen xustamente un termo para a parella que convive xunta: sambo. É tan común (15% da poboación) que até ten soporte legal e dereitos asociados.

Total, que pensei: e como chamaríamos nós a isto? Unha opción podería ser ampliar o significado de noivo/a: xa cobre a parella que casa e a que está amigada, pois tamén a que convive. Pero dilúe esta realidade entre as outras dúas, non a concreta.

Captura do DRAG coa definición de noivo.

Faría falta un termo novo, ou reusar un pouco común. E velaí que atopei isto: mancebo/a, quen mantén relacións sexuais habituais con persoa outra sen estaren casados.

Captura do DRAG coa definición de mancebo.

Vale, non é perfecta, é innecesariamente específica co sexual. Pero hai máis curiosidades na familia. Resulta que amancebar xa é un sinónimo de amigarse ou arrexuntarse, e podemos puxar polo significado fácilmente para que queira dicir amigarse convivindo.

Captura do DRAG coa definición de amancebar.

Para o estado da parella, eu proporía mancebía. Vale, si, quere dicir prostíbulo, pero que palabra para falar de amor ou sexo non acaba sendo usado tamén como eufemismo da prostitución?

Captura do DRAG coa definición de mancebía.

Comprobei no Priberam que a proposta é reintegracionista-friendly, por certo.

Este significado de mancebo/a como pareja conviviente también tendría encaje en castellano.

N’asturianu, nel DALLA atopé solu mancebu, pero non amancebar nin mancebía, y nun paez entós tan fácil estendelo a pareya conviviente.

Captura del DALLA ú se le la definición de mancebu.

He intentat també cercar al DIEC però no he trobat cap cognat de mancebo del qual tirar del fil (només he pensat mosso com a equivalent, i ja està ple de significats com per a afegir també parella convivent).

En francés e italiano tampouco encontrei equivalencias, e en aranés e aragonés confeso non coñecer recursos abondo. Estarei moi obrigado a quen achegar información.

Pois eis a proposta: comenzar a falar de que a xente está amancebada cando conviven como parella. Dicir que «ao meu mancebo non lle gusta o fútbol» cando xa compartides piso. Que as revistas fagan artigos con consellos para «a vida en mancebía».

Relationship goals: amancebar-me com mia senhor.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.