Skip to content

Lush

Nada máis entrar, o arrecendo a chocolate encheulle o nariz. Os da tenda sabíano facer, e puñan ao carón da porta da rúa aqueles cosméticos que máis enchían o ar. Era imposible pasar por diante sen reparar neles. Os pés cobraban vida de seu e levábante, quixeses ou non, a explorar o universo olfactivo que se abría ante ti.

Mais ela chegara alí por vontade propia. Deu unha ollada rápida de esquerda a dereita, como o chef que repasa a súa mise-en-place antes de comezar. Logo colleu aire e comezou un alegre baile de examinar cada andel, revisar cada xabón e cheirar cada mostra.

Non andaba sobrada de cartos, pero aquel día non importaba. Tiña un orzamento máximo, claro; pero se había que desbotalo, desbotábase. O auténtico sudoku non era o dos prezos, senón das mellores combinacións. Unhas sales de baño e máis un aceite corporal? Unha crema de mans, unha exfoliante e un acondicionador? A de extracto de menta casa moi ben coa que leva limón, pero se compraba a de chocolate mellor combinala coa de améndoa.

Era como unha nena na fábrica de Willy Wonka. Todo o quería catar, todo o quería levar. Nunca estivera tan feliz. E a explicación era ben sinxela: non estaba a comprar para ela, senón para unha parella que, por primeira vez na súa vida, merecía aquel esforzo.

Saiu da tenda abrazada á bolsa, cun enorme sorriso, pensando naqueloutro sorriso que lle agardaría ao entregar o presente.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Lush.