Skip to content

Legado de Theros

Theros era o noso amigo. E este verán hai dez anos que marchou para o Valhalla, onde estará bebendo birras e escoitando metal.

Mais ademais de excelente amigo e mellor persoa, tamén era roleiro. Porque realmente Theros era o nome do seu cabaleiro templario. Compartimos coa persoa moitos momentos e moitas aventuras, e unha gran parte deles foron nunha mesa rolando dados xunta a súa personaxe. Pasamos longas sesións chamando por Theros o clérigo para nos vir curar na batalla.

Por desgraza, o noso amigo non pode ser inmortal nin pode se resucitado cun conxuro de nivel 7, pero Theros si. Dos heroes sempre quedan lendas, rumores, fazañas, mitos. Son inmortais mentres se fale deles. E iso queremos facer con Theros.

Queremos converter a Theros no nome de personaxe recorrente nas partidas e campañas das mesas de todo o mundo. Ese tesouro perdido na montaña? Era de Theros, o lendario e valoroso heroe. Precisas un contacto no gremio local? Podes falar con ese que chaman Theros, malia que sexa un pouco canalla. E o borracho que canta durante as festas da vila? Tamén pode ser Theros, agarrado á súa pinta. E é que, como todas as lendas, será por veces inconsistente. Así que haberá aventuras nas que falen ben del, pois botaba raios polos ollos e medía vinte palmos e mataba orcos de trinta en trinta; e noutras dirán del que era un nugallán movido pola codicia que esixía pago por adiantado. Non hai dous Theros iguais.

Gustaríanos que aí fóra houbese unha enorme colección de aventuras de rol onde figure Theros dalgunha forma. Nalgunhas pode ter un lugar protagonista: a búsqueda do seu tesouro longamente perdido, ir rescatalo ás profundidades dunha cidadela drow. Noutras, apenas un lugar secundario: o PNX rival co que loitades nunha taberna, o nome do monte onde ir combater os trasgos («o Pico Theros»), a estatua que sostén esa xoia no castelo abandonado e cuxa placa apenas se le xa… Pois así é a pegada dos heroes: nas cousas grandes e nas cousas pequenas.

Así que, se queres axudarnos a inmortalizar o noso amigo, inclúeo nas túas partidas. Escribe aventuras nas que apareza. Comparte esta iniciativa nas redes co cancelo #LegadoDeTheros. Lémbrate de Theros, para que perviva por sempre, en honor aos bos e imperecedoiros momentos compartidos por todes nós nunha mesa coas nosas amizades.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.