Skip to content

Idiomas e bandeiras

Malia estar superaprol do que xaz tras o sentimento, acho que por moito repetir a queixa non se vai deixar de usar bandeiras para representar idiomas.

Para iso primeiro cumpriría encontrarmos outra alternativa de iconas únicas e identificábeis para eles. Mais é un traballo masivo: para cada idioma existente tes que deseñar un símbolo novo, único, unívoco e sen relación co que xa o identifica na actualidade; aprender aos seus (millóns?) de falantes ao recoñeceren; e poñelo dispoñíbel en toda interface física e dixital.

Cada unha das outras solucións propostas teñen as súas proprias pexas engadidas. Utilizar o nome do idioma no idioma actualmente mostrado para despregar un menú non só adoita ocupar moito espazo para ser práctico. Tamén non é extrapolábel a interfaces non dixitais (p.ex. guías con bandeiriñas recollendo turistas nunha praza ateigada) e, por riba de todo, supón ter que falar abondo do outro idioma para recoñecer onde pon o seu nome e saber que pulsando en 日本語 vou poder mudar para o galego.

Os códigos ISO úsanse a miúdo nas embalaxes con grandes textos, pero actúan apenas de etiqueta e non de áncora. Son grandes pedazos de texto de consulta moi ocasional, e faríase pesado procurar eses códigos no mar de texto se se tratar de interfaces máis visuais e recorrentes. Pero eu diría máis: dubido que realmente a gente procure o código ISO tanto como que olle en diagonal polos textos até acharen un que recoñecen e poden ler.

Así que como por riba realmente non hai problema comunicativo (as bandeiras son imprecisas e discriminatorias, máis xa están a funcionar perfectamente), o incentivo para que isto mude é baixísimo e non o vexo ocorrendo, polo menos, a medio prazo.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.