Skip to content

Fin do Neoloxismo do Ano

Despois de seis anos coa iniciativa, é momento de parar.

O Neoloxismo do Ano era unha votación que facía eu todos os anos para elixir a palabra nova ou popularizada en galego que máis prestaba á xente. Era unha cousa curriña sen maiores ambicións e como tal, fíxena mentres me prestou pero xa non máis.

Cóntovos máis da súa historia e da decisión de poñerlle fin a continuación.


Todo comezou no ano 2015. Nesa primavera, instalouse en Vigo unha vexetación en forma de dinosauro. Malia que enseguida se fixo popular, aínda non acadara o estado de meme absoluto de hoxe en día. Por aquel entón, déranlle en castelán o nome de dinoseto e, nalgúns círculos galegos, adaptárase equivalentemente como dinosebe.

Por outra banda, resulta que o Portal das Palabras (unha colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié) propuña desde o ano anterior elixir cada decembro unha palabra que representase o ano en curso. Eu coidei que unha das candidatas debía ser xustamente dinosebe. O bicho comezaba a ser famoso, e darlle publicidade ao nome en galego ía previr que o nome castelán acabase por impoñerse mesmo entre os galegofalantes.

Porén, non foi así. O Portal das Palabras adoita escoller palabras moi xenéricas (en 2014 fora corrupción, ese ano acabou sendo refuxiados) e esa debía ser demasiado creativa. Aquilo amoloume bastante, non só porque efectivamente dinoseto acabou sendo o nome universal en todas as linguas e ninguén sabe o que é a dinosebe, senón porque escoller palabras tan eslamiadas (outras que virían logo son irmandade, afouteza…) era moi aburrido.

Naquela altura eu traballaba en Barcelona na Universitat Pompeu Fabra, xustamente nunha iniciativa parecida que fan en colaboración co Institut de Estudis Catalans (a súa RAG) e que me parecía máis prestosa. En troques de escolleren palabras calquera para resumir o ano, escollen entre aquilas que gozasen dun incremento no seu uso no ano (que é igualmente representativo do zeitgeist) coa idea de introducila no dicionario normativo. Aparte de ter un obxectivo máis claro e práctico, parecíame que subliñar a potencia creativa da lingua e a súa capacidade para adaptarse aos tempos era unha mensaxe moi poderosa que o galego tamén precisaba.

Así que, pasada a perrencha da dinosebe en 2015, cando no verán de 2016 os porcos vietnamitas e os xabarís comezaron a cruzarse nos bosques, dando lugar aos porcorís, non quixen que esa preciosa palabra sufrise a mesma sorte. Ao seguinte decembro, puxen en marcha un Neoloxismo do Ano equivalente ao Neologisme de l’Any catalán.

Obviamente, eu non tiña os medios que teñen alí para estudar as tendencias de uso e seguir o rastro de milleiros de palabras, nin podía facer proposta de engadir nada a ningún dicionario. Así que ese primeiro ano pedín á xente que me enviase candidatas. Algúns enviaron vocablos brasileiros que estaría ben adoptar (como bedéfilo), outros xerga de uso nicho (como muscutola), outros propostas un pouco trol (como un cochiminh parodiante do porcoril), pero entre unhas e outras dei xuntado sete e alá me botei a montar o conto. Gañou porcoril, claro.

Xabaril e porco vietnamita fusionándose nun porcoril

Para o ano seguinte, en 2017, grazas ao doutoramento que estaba a facer, contaba cun corpus grande de tuits en galego, ao que chamei GALITUÍTER, e puiden facerlle un procesado para obter certas candidatas. Ese corpus nutriría xa as miñas pesquisas tamén nos seguintes anos, percorréndoo co software raposa que creei baixo unha bolsa da Deputación da Coruña. Inicialmente tentei cinguirme a palabras que non estivesen en ningún dicionario, pero o Estraviz é moi áxil e moi completo, así que tiven que ir mudando un chisco os requerimentos. O criterio final estrito co que quedei foi que fosen palabras que ao comezo do ano non estivesen no Dicionario da Real Academia Galega, co que permitía que as incorporadas durante o ano en curso tamén participasen.

Alén de GALITUÍTER, tamén mantiña un ollo no que incluían outros certames, como os mencionados Neologisme de l’Any, Palabra do Ano, pero tamén Wort des Jahres ou Word of the Year (do que hai unha chea). Tede en conta que facía isto eu só desde a miña casa e non era nada doado estar a todo! De entre as candidatas, ademais do requisito lexicográfico para pasar o primeiro filtro, miraba que notase incremento de uso ou relevancia contrastando co corpus noutros anos ou con simple observación miña por estar no mundo: no 2020 era obvio que as palabras da pandemia usáranse moito máis!

Unha vez argallado todo isto, publicitaba (spameaba) a ligazón por todas as redes e en particular por Twitter. Comezou humildemente, mais foi adquirindo moita popularidade. En 2016 votaran apenas 120 persoas, pero para 2019 xa eran 400. Por desgraza, en 2020 Twitter pechoume a conta por erro á metade da campaña e apenas puiden facer publi, así que os votos caeron de volta a niveis do primeiro ano. Foi bastante descoraxador, e nese punto foi cando comecei a pensar en deixalo.

En 2021 xuntei folgos e tentei seguir pero malia os meus esforzos os votos foron case a metade do anterior, que xa era baixo de carallo. Non sabería dicir se o interese caera en picado tras un ano «en branco» ou foi simple fatiga social da iniciativa. Fixen algún Twitch para probar o alcance en novas redes, pero tivo pouco impacto. Con todo, aínda non me dera por vencido completamente.

Neste ano 2022, xa o barullo en torno á nova administración de Twitter me fixera pensar que darlle continuidade ao certame suporía comezar a pensar en recompilar dados de Mastodon ou en incorporar información dos xornais dixitais. Mais cando fun mirar o que GALITUÍTER gardara durante os últimos meses, vin que ocorrera un erro e, malia que os datos non se perderan de todo, si tería que recuperalos con un esforzo extra se quería sacalo este ano.

Mirade, aí xa decidín retirarme.

Paseino ben facendo a iniciativa estes anos, e queda como algo bonito acontecido no eido do galego durante un momento puntual, pero claramente non dei arraigado na sociedade. Non logrei crear expectación ante o evento, cando comparto detalles do asunto síntome falar ao vacío, e en xeral son a única persoa á que isto aínda lle importa. No fondo a miña esperanza era dar asentado apoio nos medios para a campaña, pero alén dalgún RT illado ao comezo de David Lombao e algo de promo en 2019, cando Radio Galega tuiteou respecto ao chuchador de clítoris que contribuíron a popularizar, non atopei moita resposta. Teño que dicir que podía contar todos os anos con que @emgalego falaría da iniciativa varias veces, e así foi que lle fixen un pouco as beiras á AGAL a ver se adoptaban a idea baixo o seu abeiro, pero igualmente non chegou a callar en nada concreto.

Xa que logo, vendo que para min é un traballiño extra e ingrato nunhas datas nas que non é doado atopar tempo, non ten sentido seguir. Unha das cousas que vexo máis importantes na vida é aplicar a doutrina Marie Kondo e non obrigarse a facer cousas fútiles que xa non dan felicidade.

Con todo, non pensedes que é un final amargo. Todo o contrario. Gardo moi boa lembranza da aventura en xeral e da actividade nos anos no cumio, e liberarme desta responsabilidade tamén é doce, non vos vou enganar. Grazas a todo o mundo que nalgún momento votou, compartiu ou me animou. Seguide a confiar na capacidade do galego para crear e manterse vixente.

Mil primaveras máis!


PD. O dominio queda pago uns meses máis, despois a web quedará archivada en recordo en xurxodiz.eu/neoloxismo, onde xa a podedes atopar.