Skip to content

Estrelas

A xungla era máis mesta por aquela zona, xa algo afastada das cabanas. A pelota batera nunhas canas e caera aos seus pés. Boko tivo que achegarse para vela. Na escuridade da noite, era complicado saber que era cada cousa. Palpando, deu con ela.

Cando se ergueu de novo, percibiu de esguello un brillo amarelo —dous, concretamente— asomando por riba dun penedo. Quedou conxelado a media postura. O seu latexo acelerouse ata ser quen de escoitalo. Oía tamén unha respiración, pero non sabería dicir se era a súa ou a da pantera.

Os ollos movéronse, descendendo do penedo moi, moi devagar. Boko quería berrar, quería correr, pero sabía que calquera movemento podía precipitar os acontecementos. Foi encolléndose, pouco a pouco, tentando pregarse sobre si mesmo. E cando logrou facerse apenas unha boliña, pechou os ollos moi forte e endureceu a súa pel ata facela de pedra.

Alí, baixo as estrelas, segue agora a esperar a que a pantera marche, abrazado á súa pelota. E por iso, cada noite de lúa chea, deixámoslle estas froitas ao seu carón. Para que non morra de fame e, algún día, teña o valor de abrir os ollos e ver que a pantera xa non está.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Stars.