Skip to content

Ei, que Garbage aínda molan!

Ninguén me avisara que Garbage aínda están por aí e soan súper ben!

(Todas as ligazóns son a Spotify)

Para que non lles soar, son unha banda de rock así alternativo, pseudo-grunge que alcanzaron moita sona a finais dos 90. O seu primeiro disco despuntou con cancións como Queer ou Only Happy When It Rains, e o cumio chegou co seguinte, Version 2.0, e singles como When I Grow Up ou Push It.

Nesta altura chegaron facer o tema principal do filme de The World Is Not Enough, o filme de James Bond. Para min, dos mellores da saga, porque ten as dúas características conxugadas que sinalan un bo traballo: 1) nótase de que grupo é, mas 2) é inconfundiblemente Bond. Se escoitas unha canción sen contexto e recoñeces ese «toque Bond» sen sabelo, é que é un bo tema de Bond. (Ese toque é o que moitos escoitamos no Supremacy de Muse).

Logo pois seguiron sacando temazos, xa no novo milenio, como Cherry Lips, Run Baby Run ou Sex Is Not The Enemy. Aí foi cando lles perdín a pista. Teñen álbumes en 2012 e 2016 dos que non oín nada.

Pois en 2021 sacaron outro, que é o que me crucei: un tal No Gods No Masters que soa igual de fresco e vixente que nos vellos tempos! Hai grupos que evolúen cara novos xéneros de forma tan afastada do que facían ao comezo que che deixan de gustar. Pasoume con Depeche Mode despois de Sounds of the Universe ou con The Corrs a partir do terceiro disco cando botaron de lado o folk do seu folk-pop. Pero acho que Garbage seguen a facer o mesmo tipo de música, só que progresivamente renovada acorde aos tempos.

Dádelle unha escoita. A min dese disco gústanme sobre todo The Creeps, Wolves e a homónima No Gods No Masters.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.