Skip to content

Dune 1 & 2

(A seguinte opinión non contén spoilers.)

Hai produtos aos que se lles nota un potencial tremendo. Só precisan unha certeira adaptación audiovisual mainstream que faga de faísca e bum, estouran e se converten nunha enorme e inescapábel referencia.

Son inevitábeis a estas alturas as comparanzas de Dune c’O Señor dos Aneis. Lembro estar no cine por volta do ano 2000 e ver anunciar a saga enteira nun tráiler (a Comunidade en 2001, as Dúas Torres en 2002 e o Retorno do Rei en 2003, prometían) e pensar «talvez as vexa, aínda que non coñezo moito, non sei que tal estará…». Daquela a saga de libros era coñecida no senso de que a xente sabía que existía, soáballe o título, pero nada máis: eu non sabía o nome de ningunha das personaxes nin a trama. E agora podes asumir xeralmente que a xente coñece, polo menos, quen son Gandalf, Frodo, Sauron, Mordor e a idea dun anel que ten moito poder e debe ser destruído. Nos trinta anos de vida de Magic: the Gathering a súa expansión máis vendida foi, precisamente, a que se cruzou c’O Señor dos Aneis o ano pasado.

Con Dune teño sensacións semellantes. Hai un par de anos eu sabía da súa existencia e recoñecía algúns nomes se os lía (a casa Atreides, os vermes de area, algo dunha especia, mesmo Arrakis, que era o nome dun dos primeiros proveedores de internet en España). Pero non che sabería dicir nada máis dela de memoria. Disque había unha esperpéntica adaptación vella, unha curiosidade friki, pero era coñecemento recóndito. E entón chegou o primeiro filme en 2021 e todo iso mudou marca. Non o chamaría bomba instantánea, pero si que deitou a mecha que prendeu con esta segunda parte. Pode chegar a ser, coido, una referencia establecida e aventúrome a asegurar de que terá forza para permanecer, non só até a terceira entrega mais quizá tamén máis aló. Conceitos como o planeta de area, ou as Bene Gesserit comezar burbullar no imaxinario popular.

Porén, houbo xa outros filmes que tamén bateron forte na saída e axiña quedaron esquecidos. Non falo do meme de que Avatar fixo máis cartos que deus e ninguén lembra nada dela. Penso máis ben agora n’Os Miserábeis. Viña con forza e premios e co longo historial dun musical detrás, e na altura parecía a segunda chegada de Xesucristo nalgúns recunchos da rede. Mais para min o seu atractivo era nicho e concentrado. Tiña un fandom moi entregado que facía moito ruído, pero alén diso, mesmo se gustou ao público xeral, non deixou recordo tan indeleble. Ao meu ver, porque a súa proposta non era tan única e distintiva; eis a diferencia con Dune: enche un oco moi senlleiro.

De feito, dicíase de Dune que era inadaptábel xustamente por demasiado bizarra e complexa. Eu non lin os orixinais. Pero dáme a sensación —polo que leo— de que iso era só se teimabas en versionala dun xeito excesivamente fiel aos libros. Nese senso —e aquí vai a outra comparanza, talvez mais rara— lémbrame ao filme de Mortadelo e Filemón de Javier Fesser. Máis soez, máis adulto e máis estrafalario (Rompetechos facha?). O seu éxito demostrou para min que, si, non eran os Mortadelo e Filemón da BD, pero se o obxectivo era facer unha versión de persoas reais, non había outro xeito de que saíse algo decente que reinterpretalo en certa medida baixo outro ángulo.

Pois ben, con Dune pode que ocorrese o mesmo. O que cumpría para salvar o abismo cinematográfico era dar co director certo. Alguén quen de podar, mesmo con pena do seu corazón, todo aquilo estritamente innecesario, deixando só o núcleo da trama. E tamén alguén quen de exercer a súa probada mestría visual para supeditar elegantemente a bizarrada orixinal aos excelentes paisaxes e imaxes que unha historia e un entorno como Arrakis pode ofrecer. Con eses vimbios, quen necesita longos diálogos? Abonda a excelente música de Hans Zimmer e un atinado cásting cheo de estrelas (coa posíbel excepción de Austin Butler; non me convenceu de todo).

Voltando ao comezo, a finais do ano pasado fixen por fin unha maratón das versións extendidas d’O Señor dos Aneis. Non é unha actividade tan estraña, curiosamente, malia o longa que é. De feito, aos poucos días, xa tiña ganas de repetila. Pois non hai nin unha semana que volvín ver Dune Parte 1 e logo fun ver Dune Parte 2, e xa me tarda repetir a experiencia. Non teño dúbida de que, cando se completar a triloxía, unha maratón de Dune será outra desas experiencias comúns. Só espero que ningunha produtora decida matar entón a galiña dos ovos de ouro estirando o chicle de máis e estragándonos a obra.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.