Skip to content

Doom Eternal (2020)

O outro día o RecunchoGamer fixo un concursiño para tentar chegar aos 1000 subscritores no seu Youtube. Non só era un albo moral, tamén é o limiar preciso para unha máis que merecida monetización. Conseguiuno e sorteou entre aqueles que o apoiamos cos nosos comentarios e RT un monte de xogos.

A min tocoume o Doom Eternal. Como era para PC (e eu teño Mac), díxenlle que mellor quedara con el para outro sorteo futuro, que non me importaba. Mas, por respeitar o espírito e aproveitando que estaba bastante descontado na eShop, compreino para a Switch, para que non se diga que non foi por causa do Recuncho que teño este Doom.

Ao caso. Xa o probara hai tempo na Play do meu cuñado, pero este Doom está fantástico. Eu antes xogaba moitos FPS frenéticos como este (sobre todo o Unreal Tournament), sempre me prestaron máis que os tácticos tipo Counter-Strike. Non quero pensar e planificar, quero liberar estrés. E este Doom é así. É rápido, é agresivo, ten unha música de subidón e faiche gozar de acribillar demos. Berras «ha! fódete, cabrón!» cando logras esnaquizar un becho dunha ráfaga de balas. Sénteste o puto rei do inferno. Este xogo entende cal é o seu obxectivo.

Ademais, ten certas mecánicas moi atinadas para conseguilo. Este vídeo de enriba do Game Maker’s Toolkit explícao moi ben ao comezo, e foi o primeiro que me puxo na pista do xogo. Resúmovolo: para recuperar vidas, tes que danar un pouco (pero non de todo) aos monstros e logo achegarte a eles e darlles un puñetazo, só que neste caso o que fas é partilos ao medio coas mans, e iso solta vida. Da mesma forma, se quedas sen munición, tes que achegarte aos monstros e matalos moi de preto coa motoserra para soltaren cartuchos. É unha idea fantástica porque todo isto che incita a seguires a dinámica da que vai o xogo: ser por veces imprudente e botarte ao corazón da acción para deixar fluír a adrenalina e a testosterona. Non podes limitarte a quedar lonxe a pegar tiriños soltos. O xogo impídeche xogalo mal. Unha xoia.

Polo demais, o control é bastante sinxelo, podes usar os joysticks ou apuntar co sistema de gyro como o Splatoon, que é o que uso eu. Os gráficos están ben, como falamos de criaturas feas pois non sei se haberá diferencia coas outras versións pero eu non as noto, é o de menos. Pim pam pum e veña, que diso vai. Eu, polos (que foron?) 12, 13 euriños que o saquei, recoméndovolo se vos chistan estas cousas. Para vos desfogar.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.