Skip to content

Defensa do Pla de Recerca

Pois de hoxe nunha semana defenderei a proposta de tese: o mércores 5 ás 12:30 💪. Vouvos contar de que vai.

A defensa da proposta consiste en expór o teu plan diante duns expertos para lle daren o visto e prace antes de comezar. Estas persoais extradepartamentais evalúan que teñas algo sólido e prometedor e non te esteas a botar á piscina sen haber auga, vaia. No meu caso teño un tribunal de excepción: Maria Teresa Cabré (IEC), Lluís Payrató (UB) e Xosé María Gómez Clemente (UVigo). Xente moi TOP.

A miña proposta estudará neoloxismos, que é o meu roio, e centrareime no galego malia que espero tirar conclusións xerais. Mirarei dúas cousas: por que a xente inventa palabras (se xa temos unha chea delas) e por que algunhas palabras novas chaman a atención. Podería parecer que sempre inventamos palabras para nomear cousas novas, pero ás veces non é só iso: velaí os panqueiques. Non era que nunca antes na vida faláramos deles, pero dicíamos pancakes ou tortitas, se cadra. A motivación, logo, foi galeguizar. E, do mesmo xeito, non todas as palabras novas chaman a atención. Cantos vos parástedes no extradepartamentais que puxen antes? É unha palabra moi pouco frecuente, pero tampouco é que resulte moi estraña. Como son as palabras que si o resultan? Iso estudarei.

Ireivos contando por aquí as miñas achádegas. Polo de agora, desexádeme sorte e a ver se gosta a proposta 😊


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.