Skip to content

De Javiera Mena a Flash

Hoxe vouvos explicar o que teñen en común Javiera Mena e Flash a través da moda e a termodinámica.

Javiera Mena promocionou o disco Otra Era levando uns lentes futuristas na capa, na xira, e no videoclipe do tema. Estes lentes están baseadas noutros do ano 1965, chamados de “Eskimo Eclipse”, do deseñador André Courrèges (inventor da minisaia).

A súa inspiración veu dos lentes dos esquimós. As finas fendas permítenlles ver sen se cegaren co sol da neve ou do horizonte.

Supoño que non vos sorprenderá saber que estes lentes lles prestaban moito a Dalí e outra xente así rariña da altura…. ou de agora 🙂 Que estaban na moda, vaia.

Imos xa co Flash. Como sabedes, calor, enerxía e velocidade están moi vencelladas. A velocidade determina a enerxía cinética, e a calor non é máis que transferencia de enerxía. Os obxectos que emiten calor (están quentes) son os que teñen as súas partículas a vibraren moi rápido. Do mesmo xeito, un obxecto que teña as súas partículas moi quedas notarase frío ao tacto. No cero absoluto (-273,15°C), as partículas dun obxecto están case completamente paradas e non moven. (Polo de agora, inda non dimos baixado a temperatura de ningún obxecto ao cero absoluto, considérase teórico).

Pois Flash move a fume de carozo. Xa que logo, quen ha ser o seu supervilán máis acaído? Pois o Capitán Frío, como é obvio. Velaquí o punto de unión de todo: adiviñades en que cultura está baseado o traxe do Capitán Frío? Nos esquimós, claro. Lentes incluídos. Os lentes cadrados de fenda son, de feito, unha das características máis icónicas desta persoaxe, conservándense en moitas versións… …malia que, como todo, ás veces reimaxínanse apenas como lentes escuros para variarmos un pouco.

Encántame a cultura pop xustamente por estes fíos invisíbeis que vencellan todo: os memes no sentido académico do termo. Os lentes dos esquimós inspiraron un deseñador francés e Javiera Mena por unha banda, e os debuxantes de DC pola outra. E agora eu, con este fío, engado outro elo á cadea e pásocha a ti. Que farás con esta información nun futuro?


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.