Skip to content

Curiosidades d’O Gran Peludín

Teño a honra de figurar xunta once dos máis senlleiros escritores das novas letras asturianas achegando un relato en galego á antoloxía L’Horru de Vapor.

«O Gran Peludín» é un dos mellores contos que teño escrito. Para celebralo, cóntovos catorce curiosidades sobre el. Explicacións e spoilers van ocultas, para non vos estragar a obra antes de lérdela.

1. A inspiración directa do conto sae do cartaz da Hispacón 2022 de Ferrol, obra de Gonzalo Golpe. «Estaleiros mecha? E logo por que non estaleiros steampunk?», pensei.

2. Pero tamén toma grande inspiración dunha obra clásica. Vouvos deixar a primeirísima frase do conto a ver se adiviñades cal.

Solución

É Moby Dick, cuxa primeira frase é “Call me Ishmael”. Xa que tomei certos elementos dela, quería facerlle unha homenaxe a ese comezo; pero tamén ter unha muller protagonista, e Isabel era o nome que máis encaixaba.

3. Unha das personaxes que saen existiu de verdade: Ramón Fernández Reguero, un inventor asturiano dos séculos XVIII-XIX, pero tomei moitas liberdades con el. Curiosamente, Xon de la Campa tamén o usa no seu relato da antoloxía, mais dunha forma moi distinta á miña.

4. Ramón víñame moi ben tamén porque era do Eo-Navia, e sentía que aquela era a zona máis axeitada para ambientar un relato en galego nunha antoloxía asturiana. Así pois, os devanditos estaleiros están sitos en Castropol.

5. … mais en toda a obra non se cita a ría polo nome porque como galego vivindo en Asturies teño moito cariño á miña vida e quero poder saír á rúa e volver visitar á familia sen ter que contratar escolta.

Explicación

Hai bastante polémica respecto ao nome da ría. En Galicia deféndese o nome Ría de Ribadeo, que segue o padrón galego das rías levar o nome da vila máis grande nela. Porén, en Asturias defénse o nome Ría do Eo, que segue o padrón asturiano das rías levar o nome do río.

6. Como en case todo o que produzo con certa ambición de seriedade, Viriato Valdés foi a persoa en quen confiei para rebotar ideas e exercer de lector beta. O seu feedback foi impagábel, coma sempre, así que parte do mérito a repartir —se o houber!— será seu.

7. Todos os relatos da antoloxía levan o seu excelente debuxo de Xon de la Campa. Este é o do meu. Contoume que orixinalmente ía facer outra escena, máis épica, pero era spoiler, así que… teredes que lelo para imaxinar cal podería ser

Debuxo dunha lura nadando do mar feito por Xon de la Campa.
Spoiler

Moi probablemente, quería representar o momento no que Isabel salta sobre o peludín e lle clava o coitelo e se revela que é unha lura mecánica.

8. Ambientar partes do relato a comezos do século XIX supuxo chocar coas guerras napoleónicas. Inicialmente ía incluír referencias, pero pensei que era embarullar sen necesidade. Unha das escenas acontece en 1811 porque (segundo mirei) Asturias xa estaba liberada daquela.

9. Gosto moito de respectar a veracidade e síntome mal cando non dou feito que a ficción encaixe coa realidade, mesmo se ningún lector se decata. Porén, houbo un detalle no que tiven que sacrificar a veracidade pola épica para evitar causar a risa. Ten a ver cos animais.

Explicación

O depredador natural das grandes luras son os cachalotes. Porén, chamarlle aos barcos cos que saían cazar a lura CACHALOTE-1 pareceume de risa. Así que optei por QUENLLA-1 que soaba máis serio e ameazante.

10. Orixinalmente incluíra un detalle que precisaba saber de informática para aprezalo. Eu obviamente o explicaba, eh? Pero aínda así, o meu querido lector beta —con bo criterio— aconselloume quitalo todo porque aínda contado non se entendía. Tiña a ver con numeracións.

Spoiler

Inicialmente, os barcos cos que saían cazar as luras eran tamén luras, unha “réplica” mecánica (realmente, unha continuación desa liña de produción). Un dos detalles que presaxiaba a revelación de que o peludín era mecánico e o primeiro exemplar desa liña era que todos os barcos de Ramón ían numerados desde o cero (por exemplo, o NOZ-0). Entón cando logo comezaba falar das batidas do LURA-1 podía xurdir a pregunta de onde estaba a LURA-0 (e era realmente o que escapou). E así se lamentaba Isabel ao final do conto por non decatarse do detalle cando por fin caía na conta.

Porén, parece que discutir sobre en que número empezan as listas, se 0 ou 1, é un detalle que só importa aos informáticos (onde, por se non sabiades, é grande debate) e para o lector medio pasaba desapercibido. Con bo criterio, Viriato aconselleume quitalo porque era confuso.

11. Non o mencionei ao comezo, pero na realidade existen uns estaleiros en Castropol que vexo claramente sempre que cruzo a ponte e que foron máis outra peza no puzzle das miñas inspiracións. Mudeilles o nome, iso si, por claridade, de Astilleros Gondán a Estaleiros Castropol.

12. Tras escoller tomar como primeira inspiración a obra da que vos falaba na curiosidade 2, tiña claro que esa ía ser a frase inicial. Pois en base a ela, e puramente a ela, tecín o resto do worldbuilding da obra.

13. Hai tempo fixera un curso de escritura creativa e un consello que me deran é que os meus finais adoitaban ser bastante abruptos: resolvía a acción e pechaba nun par de frases. Desde entón procuro tomar o tempo de darlle ao lector a conclusión debida. Neste conto tamén.

14. Lembrades cando na curiosidade 9 dixen que sacrifiquei veracidade por épica nun detalle? Consoleime aproveitando para homenaxear unha personaxe de DC que adoro.

Explicación

Se lestes a explicación da curiosidade 9 pode que xa deduxérades que a personaxe é o Rei Quenlla.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.