Skip to content

Corazón

No corazón da floresta latexaba, literalmente, un corazón. Non era un corazón como os dos animais, porén. Era un corazón feito de pólas, enrevesadas, cruzándose e anoándose nunha bóla. Pero movíase igualmente. Inchaba e desinchaba amodiño, como se respirase. Era o centro da floresta, onde todos se reunían. Un lugar moi especial.

Así e todo, un día parou de vez. As pólas secaron e murcharon e todos os habitantes ficaron tristes. Houbo longos días de luto, laios e saloucos durante moitos meses. De cando en vez, alguén falaba de novo daquel corazón, e comezaban de novo os ximoteos e as tristuras.

Os habitantes procuraban sen descanso un novo corazón. Ollaban con moito coidado as pólas que podían estar próximas por se tivesen a forma axeitada, e desgraciábanse cando non era así. Percorreron a floresta enteira, unha e outra vez, na procura dun novo corazón. Sempre sen éxito.

Non lonxe dalí había dun arco de pedra. Era un arco precioso que brillaba ao amencer e ao solpor. Un arco que daba sombra no verán e mantiña a calor no inverno. Un arco polo que o vento zoaba creando un murmullo agradábel que relaxaba a todo aquel que o escoitaba. Era un lugar de paz: un lugar moi especial.

Pero os habitantes procuraban un corazón, non un arco, así que ninguén reparaba nel e continuaron laiando, desconsolados, ata a fin dos tempos, na busca do seu lugar perdido.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Heart.