Skip to content

Blades in Ravnica #1

Os Repouseiros son unha banda de contrabandistas que operan baixo a tapadeira dunha funeraria na escura cidade postapocalíptica de Rávnica.

Son:

  • Yeneb, experimento xenético cun olfato excelente e mestre do disfraz
  • Mathvan, cruce de home e polbo con catro brazos extra e veleno, o músculo
  • Storm, home lagarto, experto e sixiloso tirador
  • …e Caronte, a pantasma que pilota o coche fúnebre!

Antes traballaban para os Curmáns Defuntos, unha banda que tamén operaba oficialmente ocupándose dos mortos, pero que en realidade os usaba para extraer ingredientes. Mais decidiron ir pola súa conta, montar negocio de seu. Aos Curmáns esta división non lles gustou nadiña, claro, e a guerra aberta é inminente. Así que os Repouseiros pasaron á ofensiva atacando eles primeiro unha entrega para os Curmáns e así debilitar a súa reputación.

Resulta que os Fillos dos Sombrereiros, unha importante e temida seita de Rávnica, encargou aos Curmás a creación dun poderoso narcótico para os seus rituais de éxtase. Para elaboraren ese narcótico, os Curmáns precisaban recibir unha entrega de feces de hipopótamo na estación de tren. E aí foron golpear os Repouseiros. Infiltráronse na zona de mercadorías facéndose pasar por inspectores e xendarmes. Inicialmente ían mandar o paquete de volta noutro tren e así estragar a entrega, porque cheiraba demasiado para poderen escapar con el.

Porén, no caos perderon o paquete de vista mentres tentaban fugarse, e ao cabo dun anaco viron como Marlane, un vello contacto, apareceu de súpeto na terminal fuxindo co maletín. Será que traballa tamén para os Curmáns? Ou está tamén a sabotalos? Non chegaron sabelo. Cun certeiro disparo botaron o contido por terra e Marlane marchou correndo. Mentres, a enviada dos Curmáns tentaba ás desesperadas recoller algo de material no medio da liorta que se armou no vestíbulo, ao tempo que toda a xente alí presente tentaba apañar algo do valioso ingrediente.

A misión foi un éxito e agora os Curmáns están en problemas cos Sombrereiros! Porén, os xendarmes fixeron a ronda de interrogatorios para pesquisaren o acontecido e Marte, o líder dos Motodóns —mecánicos de confianza dos Repouseiros e bravos elefantes— acabou en comisaria. É claro que este golpe vai ter consecuencias a longo prazo no reparto de bandas de Rávnica. Os Repouseiros teñen que ir pensando que peza moven agora…


Publicado orixinalmente en Twitter.