Skip to content

Balatro

Non quería deixar pasar a oportunidade de gabar Balatro, un xogo tremendamente divertido pero, sobre todo, moi fresco. Ten unha idea tremendamente simple que eu polo menos nunca vira: é un roguelike deckbuilder que se xoga coa baralla francesa.

Explícovos por partes. Un roguelike é un xogo no que avanzas por fases, encontrando de cada vez retos e potenciadores aleatorios, o que fai cada partida diferente. Os roguelike adoitan ser de combate (Binding of Isaac, Hades…), pero tamén os hai ata de carreiras.

Deckbuilder significa que a mecánica do xogo é que comezas con unha baralla de cartas que representa as túas habilidades ou accións posíbeis, e durante o transcurso do xogo vas modificando a composición desa baralla. Normalmente engades máis cartas, mellores que coas que comezas, ou desfaste das que xa van sendo peores (como no xogo de mesa Dominion), ou engades potenciadores a algunhas delas para que aumente ou varíe seu efecto.

Un roguelike deckbuilder non é cousa rara nos videoxogos: Slay the Spire ou Wildfrost son só algúns dos que me veñen agora á cabeza. Pero como digo, o novidoso para min do Balatro é aplicalo ao póker. Comezas cunha baralla francesa corrente, cos seus catro paus, e cadansúas tres figuras e once números. O xogo transcorre por roldas chamadas cegas. Non tes rival: cada cega é apenas un limiar de puntos que tes que superar xogando bazas. Cada baza ten un número de fichas base e un multiplicador. Por exemplo, a parella simple son 10 fichas de base e multiplica x2. Se xogas unha parella de noves, obtés (10+(9+9))x2=56 puntos. Se a parella é de douses, serían (10+(2+2))x2 =28 puntos. Pola contra, un full dá 40 fichas base e multiplica x4, etc… cachaches a idea, supoño.

Captura dunha partida ao Balatro.

En cada cega podes descartar algunhas cartas, xogar algunhas bazas, e cando logras superar o limiar de puntos danche dólares e vas á tenda. E aí está o miolo do xogo. Na tenda podes comprar outro tipo de cartas que modifican a experiencia de xogo; aquí falarei apenas dos joker e dos tarot. Os joker lévaos equipados (fóra da baralla) e axudan a aumentar os puntos. Por exemplo, poden dar x8 en cada baza na que xogues unha escaleira, ou +50 fichas por cada figura, ou x20 se xogas bazas de tres cartas ou menos, ou x4 por cada carta de trebo. Isto vai condicionar a túa estratexia moitísimo: axeitarse aos jokers que che van saíndo é fundamental para manter o ritmo coas cegas crecentes.

Pola outra banda, as cartas de tarot gástanse ao usarse, e modifican a baralla de moitas formas diferentes. Poden eliminar cartas, duplicar outras, trocarlles o pau ou o número, ou engadirlles certos selos que fan que dean bonificadores se quedas con elas na man ou se as descartas. Combinar certos jokes con certos tarots é óptimo: se tes un joker que multiplica por cada trebo, convenche usar tarots para eliminar diamantes, picas e corazóns do barallo e así roubar os trebos máis a miúdo!

A min resultoume moi transgresor esta idea de coller unha baralla francesa e poder revirala e mutala desta forma. E todo argallado ao redor dun core loop moi básico: xoga bazas de póker e fai cada vez máis puntos. Resulta nun xogo simple pero adictivo, variado e profundo. Acompañado duns gráficos píxel retro moi acaídos, unhas animacións moi logradas, e unha interface sinxeliña, Balatro faise imprescindíbel. Prezo? Uns 10-15€ dependendo da plataforma e ofertas. É obrigado probalo.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.