Skip to content

Aventuras de Ranolfo #6

Ranolfo e Zip quérense moito (non) tras a sesión de hoxe.

Lembremos: deixámoslles chegando a Albión, centro de comercio, na procura dun tal “Garlan” que traficaba con viais dunha perigosa sustancia para beneficio do malvado culto de Morkar. No centro de Albión hai un xigantesco bazar, un predio cheo de postos que é case unha cidade dentro da cidade. Dixeron ser enviados de Lord Primewater (cousa certa) e entraron no bazar a deixar no seu almacén o carro.

O imperio Mida é un sitio de xente próspera, elegante, militarizada… como un cruce entre o imperio romano e o imperio chinés. Así que Ranolfo suxeriu comprar unhas togas para pasaren desapercibidos e seren mellor recibidos. A Zip pareceulle unha idea parva e non deixou de deixalo en ridículo diante dos vendedores. Nunha destas que Ranolfo estaba a probarse unha toga, Zip escapou ao peirao a preguntar na taberna. Ranolfo, ilusionado, saiu da tenda con dúas togas: unha verde (cor do rango 1 de Winrar) para el, e outra azul (cor do rango 2 de Winrar) para Zip. E resultou que estaba só na ateigada rúa.

Ao cabo de dúas horas de esperalo no almacén de Primewater, Zip voltou como se nada e mesmo desprezou de novo a toga que Ranolfo lle comprou. Así que a boa ra, anoxada, púxose a súa e gardou a outra no carro e marcharon preguntar por Garlan na comisión de comercio.

Ao chegar alí, segundo o acordado, Ranolfo fíxose chamar Lord Olfson e referiuse a Zip como gardacostas para xustificar que aínda levase todas as súas armas enriba. Mais ao despacho principal só deixaron subir a Ranolfo, claro, polas malas pintas de Zip. Tras falar co capitán, Ranolfo conseguiu axuda das autoridades, unha pista referida ao hospital local e deixoulles un vial para investigaren máis. Ao baixar de volta, Zip enfrentouse a Ranolfo e esixíulle de malos modos recuperar aquel vial. Ranolfo díxolle que estaba todo arranxado pero xa houbo de novo tensión aí. De volta no carro, deulle un dos seus outros viais para que calase.

Remataron o día índose aloxar na finca de Lord Primewater. Pero cando Ranolfo entrou no seu cuarto para durmir, Zip decidiu saír pola súa conta ao hospital sen dicir nada. E, de camiño, nunha ruela escoitou berros e acudiu valer por un halfling que estaba a ser atracado. Pero era unha trampa! Foi paralizado e os compinches humanos fuxiron coas 5000 pezas de ouro que levaba. Zip deu caza ao halfling e, cando o colleu, rompeulle un xeonllo dunha martelada e comezou a arrincarlle salvaxemente os dedos. Nese momento chegou a garda da cidade e Zip acabou no calabozo.

Ranolfo, durmindo, sen ter nin idea de nada disto.

Que acontecerá agora co noso dúo? Poderán volver amigarse? Que pensará Ranolfo das continuadas tendencias agresivas e torturadoras de Zip?

Continuamos nun par de semanas 🍿


Publicado orixinalmente en Twitter.