Skip to content

Aventuras de Ranolfo #5

Nesta sesión as aventuras de Ranolfo foron breves pero moi decisivas.

De volta do poboado lagarto coa tregua asinada, mentres apuraban por mor dunha tormenta que se achegaba, viron un barco a se afundir aló en mar aberto. Como nese momento non podían ir axudar, ao chegaren a Saltmarsh, Ranolfo, que é moi boa xente, correu avisar no gremio de mariñeiros mentres Zip ía falar con Lord Primewater.

Porque todo isto veu de que Primewater ofrecera información sobre os seguidores de Morkar, o deus malvado, a cambio de intercederen cos lagartos. E así foi e Zip e Ranolfo acabaron falando cun semiorco, grande coma un boi pero delicado como unha flor.

O semiorco contoulles que un tal Garlan era quen levaba a importación de contrabando de pócemas de Morkar en Saltmarsh. E que agora marchara para onde o imperio Mida, o dos macacos. Ademais, recoñeceu o colgante de Winrar que levaban e faloulles dun amigo seu que tamén seguía a Winrar, pero que xa morrera… e alá marcharon Ranolfo e Zip ao camposanto a Falar Cos Mortos!

O morto deulles unhas respostas crípticas pero que confirmaban o sabido: cómpre ir para o imperio Mida a perseguir aos seguidores de Morkar. E pechamos a sesión deixando os nosos heroes subidos nun carro na súa longa travesía cara o reino macaco.


Publicado orixinalmente en Twitter.