Situémonos: Ranolfo e Zip quedaran na aldea da xente lagarto, onde foran enviados polo concello de Saltmarsh a pesquisar as súas intencións tras interceptar unha compra de armas. Mais parece que os lagartos apenas queren as armas para contraatacar á xente peixe que os botou do seu fogar submariño, que por iso agora viven na braña.
Entón pensaredes vós: pois que ben, abonda que os lagartos envíen unha comunicación diplomática de paz a Saltmarsh e xa todos tranquiliños, nonsi? Pois non, porque malia a Raíña e o Primeiro Ministro estaren a favor, os chamáns (a metade do Consello) non queren nada cos «pés secos», pero nada nada, nin sequera a cortesía de mandarlles unha carta. Que lles deixen en paz.
Así que… Ranolfo e Zip deciden, en contubernio coa Raíña e o Primeiro Ministro, falsificar esa carta imitando a sinatura dos conselleiros. Porén, para darlles un sinal de confianza, prométenlles que cando chegar o momento da guerra contra a xente peixe, poderán contar con eles dous para lles axudar. Ai ai ai… isto vai pasar factura, ides ver.
E Ranolfo, como está? Pois seica deixou de comer carne, e beber alcohol, e fala moito de que o seu corpo é un templo a coidar. Pero cando Zip comezou a torturar a un prisioneiro peixe, rompéndolle os dedos, non quixo tomar parte e marchou, e desafiou a Zip dicíndolle que el non sabe realmente como quere WinRar que actúen! Pero Zip retrucou citando uns preceptos de WinRar que Ranolfo non coñecía, demostrando que sabía máis ca el.
Así que nova crise de fe para Ranolfo. Será que WinRar está a xogar con Ranolfo, a usalo como monicreque? Ao fin da xornada foron durmir, e Ranolfo tivo unha visión dun ser extraño cun casco lisiño e reflectante, que lle dixo: «Se estás presto para un compromiso maior, toma este obxecto». E espertou cun cetro no peito!
Nunhas semanas veremos se é posible a paz entre Saltmarsh e os lagartos, ou mesmo entre os métodos de Zip e Ranolfo! E que diaño é ese cetro que apareceu, claro. Ficade atentes!
Publicado orixinalmente en Twitter.
Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.