Skip to content

Astérix e os godos (1978)

Atopei nunha tenda de segunda man unha tradución preconstitucional de Astérix e os Godos. Acompañádeme nesta aventura a un mundo onde non aínda existían normativas.

En primeiro lugar, que cómpre ser educados, Merry Christmas a ti tamén Beatriz, onde queira que esteas.

Iso si, coidado ao abrir a tapa que xa levamos unha boa ostia. Non teño explicación para eses «me sinto» e «te dixen». No interior do libro os pronomes están todos ben 😶

Malia que algunha gralliña si que hai, como este «dus» por «dous» ou un «vousotros» que só por podelo contrastar cun «vosoutros» na seguinte páxina quedei seguro de que fora un erro.

Ou esta outra: os godos falan en minúsculas e non se entenden cos galos. Pero cando Panorámix revela por fin que sabe falar godo, esquécense de poñelo en minúsculas. Nas versións actuais (non sei a orixinal) poñen os godos a falar en gótica (cf. a miña edición en asturianu).

Pero volvamos ao léxico. Unha das primeiras cousas que notei foi a evidente tendencia reintegracionista. Reparade na acentuación («iréi» e «agardaréi» pero «tua»), os «ao» (mesmo cando non toca) e un «suxos».

E intercala sempre un «i» nos remates como «aldeia» ou «ideia», como na norma internacional.

Tamén emprega trazos dialectais que hoxe quedaron fóra do estándar, como «iles», «ise», «eiquí» ou «traguer».

O século XX foi tempo de seren moi fieis á pronuncia oral. Non sabedes o que tardei en procesar este «nefeuto» como «en efecto». «Noustante» tampouco me foi obvio.

Outras curiosidades varias moi típicas de principios/mediados de século: representa o ‘e’ epentético («vece»), convirte os grupos ‘cl’ en semicultos ‘cr’ («decraro»), usa «xiquera» por «sequera», e fixádevos nese «verba», hoxe desaconsellado.

Foi enternecedor atopar esta «Úla?», que xa apenas se escoita e a min encántame. Tamén usa sempre «ren», que ainda cho podes cruzar hoxe en día, pero pouco. O de «darreiro» por «derradeiro» non o sentira na vida nin o atopo en ningún glosario.

Un detalle máis idiomático: o libro emprega «baril» (que eu apenas coñecía como ‘forte, vigoroso’) no sentido de que algo é bo, excelente. É un uso que (malia estar recollido tanto en DRAG como Estraviz) nunca vira e que vou comezar a usar 👌

Podería estar o resto do día analizando cada cadriño, pero para rematar, déixovos con este «somella [semella] unha coña» que lle queda, para min, como a un cristo dúas pistolas. Pero non podía evitar amosárvolo 😭


Publicado orixinalmente en Twitter.