Skip to content

Arranxando as webmentions

Pois da que fuchicaba aquí no blogue reparei en que non saían as webmentions nos comentarios 😱

Inciso

Xa me entrou a dúbida de se chegaron funcionar, mais como engadira código a mantenta para as amosar, estrañaríame que sempre estivesen rotas…

En fin, para arranxalas tiven que facer dúas cousas. A primeira, entrar nas opcións do plugin de Webmentions e desactivar Separate Webmention Types from Comments. Con isto, xa comezaron saír (antes saltábanse porque a función wp_list_comments() que usa o tema non as retornaba).

Mais, a priori, a ligazón de volta que aparece é cara o autor e non cara o documento que menciona. Por exemplo: cando engado ligazóns entre páxinas do blogue, a referencia que se vía na entrada mencionada levaba de volta ao meu arquivo en vez de levar á entrada que mencionou.

Para isto tiven que escribir un chisco de código a man para o tema. Por sorte esa info existe na BD e é recuperable. Abonda chamar a get_comment_meta( $comment->comment_ID, 'url', true ); e montar con iso o HTML.

O que xa non é posible, pois non se garda, é mostrar o título do documento mencionador como si acontece cos Pingback e Trackback. Revisei mesmo a definición do protocolo Webmention e efectivamente só se ocupa de Source URL e Target URL. A min paréceme un fallo tremendo, a verdade. Polo que lin suponse que logo como Target URL ti podes ler de volta a Source URL e usar microformatos para extraer a info e blabla. Pero vaia leria innecesaria.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.