Skip to content

Arma

Mentres voaba polo ar, o mísil ollaba todo desde arriba con curiosidade.

O primeiro que vira ao abrir os sensores foron unhas amplas pranchas de metal ao seu redor. Xa as sentira cruxir e resoar nos días de vento. Alí no silo agardara moitos días en letargo ata chegar o seu gran día: por fin, hoxe! O mísil agradecéralle ás pranchas a súa compañía e saíra despedido cara o ceo.

Agora, cando o sol xa o bañaba por completo, marabillouse do aspecto do mundo exterior. Nunca antes o vira! Era unha cousa inmensa, chaira, mormente marrón. E o silo axiña ficou un puntiño branco, brillante, senlleiro alí abaixo, perdido na inmensidade. Era impresionante! O mísil nunca estivo tan feliz de ver unha paisaxe tal.

Tan centrado estaba no que acontecía tras de si que non se percatou do que viña por diante. As nubes golpeáronlle como unha súbita aperta de algodón. Que agarimosas! Foi tan fugaz o seu paso… O mísil quedou con saudade de quedar a xogar con elas, pero non podía facer nada por parar. Despediuse e continuou o seu inexorable camiño baixo o manto do sol.

De súpeto, comezou a baixar. Confundido, mirou cara abaixo e viu algo inesperado. Era o mundo exterior que xa vira, pero tiña outra cor! Era verde, e azul, e mesmo vermello nalgunhas partes! E estaba cheo de silos, ou polo menos de puntiños brillantes como aquel. Xa lle tardaba achegarse máis a velo. O mundo exterior é tan fascinante e cheo de sorpresas!

Xa coa punta ben enfilada cara abaixo, esforzouse por distinguir ben esas formas que pululaban polo chan. Percibiu que moitas ficaban quedas mirando e logo facían acenos. Que ben que teñan tantas ganas de verme! O mísil devolveu o saúdo. Outros corrían a entrar nos seus silos. Irían buscar regalos de benvida?

Xa máis perto, o mísil comezou a decatarse de que esas formiñas eran humanas, pero tiñan caras tristes. Sería esa a súa misión? Levarlles felicidade? Afanouse por acelerar o ritmo. Xa chego, agardade!

Coa mirada tan fixa nesa fantasía que desexaba alcanzar, non viu vir o impacto. Zas! Outro mísil. O choque foi brutal: nada que ver coas caricias das nubes. Foi perforado de costado, estoupándolle as entrañas.

Mentres caía esnaquizado polo ar, o mísil foise apagando devagar. O seu derradeiro pensamento foi de mágoa. Mágoa de non poder levar a felicidade a aquelas persoas, mágoa de non poder velas de preto, mágoa de non poder saber máis sobre aquel mundo extraordinario que acababa de coñecer.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Weapon.