Skip to content

A xente miúda

Entre os diversos pobos que moran nesta bisbarra, a xente miúda é a máis chamativa, polo diferente dos seus costumes.

Os miúdos (nome que lles dan os outros pobos, pero que eles non se chaman a si mesmos) non teñen concepto de propiedade, nin privada nin pública. Todo obxecto e espazo é de todos, para dispor libremente. E non só aplican este principio ao dominio dos miúdos, senón a todo o que existe sobre a terra (aquilo baixo ela, como é sabido, é territorio perigoso e os miúdos prefiren sabiamente non internarse alí).

Para un miúdo non hai problema en coller un coche aparcado na rúa. Non é de ninguén. Está aí e necesítao. Da mesma forma entendería perfectamente que alguén collese o que acaba de deixar no párking. Os coches non teñen propietario: son de quen os necesite en cada momento.

Para algúns foráneos isto é complicado de entender. Pensan que un miúdo pode mesmo chegar e botarte do teu propio coche mentres conduces. Isto só ten sentido se se pensa que son animais sen siso, feras maliciosas, en vez de persoas con sentidiño.

Chegar á túa cociña e atopar unha familia miúda servíndose da neveira, ou unha tropa de miudiños brincando cos xoguetes da túa crianza non é máis que o resultado natural dunha convivencia pacífica, confiada e amábel. Os pobos que camiñan sobre terra levan séculos a entenderse e convivir cos miúdos e tolérano de bo grado. Miúdos na túa casa é sinal de ter un fogar acolledor.

Tamén funciona (e especialmente, ollo) ao revés. A xente miúda é unha excelente anfitriona que vive nunha cultura de extrema xenerosidade. A súa filosofía alicérzase nun fortísimo espírito de comunidade e solidaridade. Para eles toda forma de vida na terra é parte dunha grande familia. As súas portas están sempre abertas e a súa comida disposta para todo ser que por alí se achegar. As comunidades miúdas son lugares vibrantes cheos de vida e agarimo.

Hai un chisco de fachenda en todo isto. É ben sabido e coñecido que, na bisbarra, os miúdos son o pobo máis querido, cousa que supón o seu motivo de orgullo máximo. Por veces, isto fai que a súa boa disposición chegue ao extremo de seren teimudos na súa amabilidade e vasalaxe. Decote, insisten en poñer os intereses doutros pobos por diante dos seus propios. Un vellísimo refrán da súa cultura é, de feito, «Tras nós, ninguén», e de aí o nome que eles se chaman a si mesmos: trasnos.