Skip to content

Quen é dono da túa audiencia?

Levo bloqueado fóra de @xurxodiz desde decembro por un erro técnico de Twitter polo que non me podo logar.

Nestes dous meses aproveitei para tomar un respiro das redes: falei abondo xalundes do negativas e tóxicas que as atopo nestes últimos anos e do seu impacto no meu humor. Pero, con todo, as redes son hoxe en día parte importante da socialización moderna… E nestes tempos de pandemia, case o 90% do contacto social ao que podo aspirar.

Vaia, que estar fóra das redes é moi illante.

Pero claro, de que me valía volver por alí?

Por un lado, case ninguén me le en @DizXurxo, como é obvio e esperable, pois teño toda a miña audiencia (que ben me custou xuntar) na outra. Aí estou a falarlle á parede, e se cadra é máis illante aínda escribir e non ter resposta que calar o que quererías dicir. Pola outra, quero facer o esforzo de volver a crear audiencia nesa conta? E se ma volven bloquear?

E velaí o punto central que viña facer: en Twitter o teu traballo —unha audencia interesada— non é teu: non te pertence, non o controlas. Fiquei fóra da conta e perdín todo, borrado, como se non tivese feito ningún esforzo durante anos por buscar e atraer aqueles que teñen intereses comúns cos meus. Nin sequera podo entrar a avisar aos meus seguidores de que xa non estou aí, ou de que estou noutro sitio. É como se morrera.

E non quero que sexa así, non quero depender dos arroutos de Twitter para poder comunicarme cos meus iguais. As empresas das redes sociais acaban por ser os gardas fronteirizos que controlan á súa mercede se podes ou non estar no mundo e darte a coñecer.

(Ademais, meternos a todos estes silos enormes onde estamos masificados como gando acaban por avivar ese ambiente inevitablemente tóxico onde todos somos inimigos xurados: todo mal, vaia.)

Nestas semanas estiven pensando noutros canais abertos nos que eu teña o control e poida levar comigo: podcasts, newsletters, blogues… Porén, todos son moi permanentes e elaborados: o bo de Twitter é a flexibilidade que tes entre deixar caer un par de frases cun comentario breve ou todo un tixolo como este. E ademáis, de onde ía sacar a audiencia inicial para esas aventuras? Mirade que, xustamente, para poder desfogarme con todo isto… tiven que ir igualmente a Twitter a facelo en primeira instancia 🙃

E, en fin, é anticlimático pero no teño solución nin proposta estelar que facer. Non sei como procederei no futuro, que nova tipoloxía de audio, escrito ou que sei eu explorarei, nin se chegarei xamáis a recuperar a outra conta.

Pero sigo vivo, sigo tendo ideas e sigo a facer cousas. ainda que non llo poida contar e compartir con ninguén.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.