Skip to content

Xardín zen

O outro día estiven modificando o blogue e hoxe outro par de horiñas máis.

Inciso

Para frikis: des que teño o plugin, parece que este WordPress xa non se envía pingbacks a si mesmo, senón mencións. Así que o que fixen foi maquetar as webmentions como os comentarios que veñen do Fediverso e así deixei todo máis harmónico. Só lles engadí unha franxa gris que as salienta para que se vexa que o «texto» cómpre interpretarse como ligazón á orixe.

En noites así pregúntome: non estarei a perder moito tempo fedellando aquí na trastenda da web? Sempre teño entradas atrasadas por escribir, cousas pendentes no tinteiro que sacar ao escaparate. Mais en días como este que teño tempo, en troques de sacalas, cando sento no ordenador, levanto o capó e póñome a argallar nas tripas. Manda carallo, como é iso?

Pois veredes: fágoo porque este blogue é o meu xardín zen. Ese trociño de terra virtual que coidas, mimas e adecentas só polo pracer de miralo e velo bonitiño. O tempo investido é orde e beleza neste meu anaquiño de rede. É unha vitrina digna, un lar acolledor. Asinto e síntome satisfeito. Outra noite de proveito en que cada pedra está no seu lugar e os sucos percorren a area como deben.

Mañá máis.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.