Skip to content

SFG-1983

INFORME SOBRE O ENTE: SFG-1983

RISCO: Inexistente

PROTOCOLO DE CONTENCIÓN: Innecesario. O ente SFG-1983 non presenta risco de escapatoria ou volición alén de manterse vivo. Non obstante, debe controlarse o acceso a el en todo momento.

Para garantir o seu benestar continuado, débense recrear as condicións da selva colombiana no seu recinto. Nomeadamente: unha temperatura entre 288K e 298K, unha humidade relativa no ar de entre 70% e 80%, e un ciclo de luz solar ou equivalente combinación radioactiva durante polo menos 8 horas ao día. A súa nutrición require principalmente de nitróxeno, con pequenas doses de outros minerais como magnesio, xofre, ferro ou cobre. Estes elementos débense deitar no chan nas proximidades de SFG-1983, quen os absorberá automáticamente nas seguintes horas de forma autónoma.

DESCRICIÓN: Recuperado en 2020 durante unha misión especial en Colombia tras a recepción de numerosos informes de recoñecemento. Rumores locais falaban de caciques capaces de percibir o futuro. Inicialmente, as adiviñacións eran frecuentemente contradictorias ou non concluíntes. Con todo, o acerto de diversos eventos de imposíbel predición, tales como o estalido da COVID-19 ou o avistamento de SFG-████, motivaron a incursión inminente. Unha vez alí, atopouse o ente SFG-1983 fortemente custodiado no patio privado dun dos líderes detrás dun alto cerrume.

Tras a extracción forzosa, foi trasladado inicialmente ao local LUX para a avaliación inicial, posteriormente movido ao patio central do local SCQ por orde directa de ███ ██████.

O ente SFG-1983 é un exemplar de Coffea arabica duns tres metros de altura e estímase que uns 3-4 anos de idade. A análise mundoxénica arroxa uns resultados semellantes ao de calquera outra planta de café estándar. Porén, cando os seus grans son recolectados e procesados seguindo o procedemento habitual para preparar polo menos 10cl de bebida, o seu consumo completo provoca un ataque epiléptico ao consumidor duns 7 segundos de duración. Tras recuperarse, o suxeito informa ter presenciado unha visión do futuro durante eses 7 segundos. Estas visións nunca son anteriores a 7 días antes da data da inxesta, nin máis próximas a uns 77 quilómetros do lugar da inxesta.

Se o suxeito se achegar ao lugar envisionado antes de que o evento aconteza, este demóstrase falso. Porén, se o suxeito mantén a distancia co lugar antes da data, a visión acontece irremediablemente. As tentativas de crear unha imposibilidade lóxica resultan fútiles, e unha cadea de ocurrencias mesmo más improbábeis e imposíbeis acaban por realizar a visión exactamente tal e como informara o suxeito.

Non está claro se o SFG-1983 crea novos canais a través da semioesfera para permitir o paso de información futura a puntos anteriores da liña do tempo, ou simplemente distorsiona a realidade post facto mediante ontoquinese para axeitala á visión creada. Non se coñece a razón pola que o achegamento do suxeito inxestor invalida a visión; ou se pola contra o que se modifica retroactivamente a través do tempo é a visión e o informe material que fora creado para tornalo enganado.

Calquera inxesta das infusións de SFG-1983 debe estar suxeita a aprobación directa da Cova en reunión extraordinaria con poder último de decisión e veto de ███ ██████. Existe unha debida excepción para a caneca no almorzo diario do propio ███ ██████.

O consumo non líquido dos grans de SFG-1983, ou de calquera outra parte do ente sen seguir a preparación común de café non outorga esas visións, o que apunta a un poder de orixe ritual. Porén, unha vez creada a bebida pódese consumir con leite, azucre, augardente ou outras engádegas sen afectar ao seu poder. Tamén pode ser empregada en repostería conservando os seus efectos.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado polas palabras semente Abnormal vision into future.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.