Skip to content

Ter o as para matar o tres

Artigos  · 

Non podes ter saudades do que nunca tiveches. Unha vez pregunteille a unha amiga musulmá se lle custaba moito non comer porco, e constestoume con moita lóxica que non, «porque como non che sei como sabe, non teño saudades del».

Pola contra, unha vez abres a porta a unha posibilidade, xa non a podes pechar tan doadamente. Hai linguas nas que o azul e mailo verde usan a mesma palabra. Pero a nós, agora, íanos costar moito prescindir dunha delas.

Cando unha palabra se instala na lingua, chega un punto no que ese xeito de mirar a realidade fica definido e non marcha até que ocorren unha destas dúas cousas:

  1. quer que esa realidade desapareza
  2. quer que apareza un substituto mellor

O primeiro caso ten a ver con cousas coma obxectos ou profesións en desuso (vellos trebellos de labranza, etc.) ou visións da realidade que xa non son acaídas (insultos por razóns discriminatorias). Nese caso o termo vaise deixando un ‘oco’ que xa non se ve preciso encher.

O segundo é o caso oposto. Cando a verba aínda se entende como necesaria, o termo non se pode ir deixando o ‘oco’ baleiro: é preciso enchelo, sexa coa verba que xa tiñamos ou cunha nova.

Isto non debería sorprender a ningún: ninguén varía os seus hábitos se sae perdendo. Por iso custa deixar de tomar doces para comer leitugas (até que ves a túa saúde en perigo!). E por iso cómpre ter moi presente que se queremos fomentar unha troca o substituto non pode ser un calquera, senón que ha de ser mellor.

Hai pouco comezouse a falar dos «muffins», un produto de pastelaría con certa semellanza ás madalenas. Mais cando as rodas na cabeza fan ‘clic’ e perciben as diferenzas (distinta masa, recheo, decoración, etc), xa non se esquecen. Dende ese momento, é inútil tentar convencer de que as madalenas esponxosas e simples e as densas e elaboradas han de ser chamadas igual: xa non se ven igual! Pode que ao comezo se viran semellantes, pero agora non se poden ‘ignorar’ as diferencias aprendidas. E por iso se teima en chamarlles distinto: porque son distinto, e falar deles como se non o fosen é confuso e leva a engano.

Velaquí a chave do asunto. É lícito teres un ideal propio da lingua no que algunhas verbas non se deberían usar. Ben porque as pensas feas, confusas, alleas ou polas razóns que foren, cada quen coas súas. Pero proscribilas non funciona cando a xente xa interiorizou a diferencia. Se queres que unha palabra non se use máis, tes que propór unha boa alternativa.

De novo, non estou a inventar pólvora ningunha: isto lévano a facer os fumadores dende hai décadas. A imaxe por excelencia desta estratexia foi a do adestrador Johan Cruyff, quen trocou os cigarros polos Chupa-Chups, e así o víamos dirixir o equipo, coa lambetada na man. Por que funciona o tal conto? Porque os doces son máis gorentosos que o tabaco. O bo de Johan nunca deixaría de fumar se trocara os cigarros polas leitugas que dicíamos antes.

Así han de ser logo as palabras que propoñamos no troco, máis prestosas. As que xa están aí contan con dúas grandes vantaxes: o seu coñecemento xeral e estarmos afeitos a usalas. Así que as novas teñen que achegar algo extra que motive mudarmos. Precisión, economía ou maior transparencia adoitan ser os puntos principais. Se podo ser máis claro e menos ambiguo dicindo menos, heino facer.

Ás veces, no caso de querer eliminar préstamos, pénsase que abonda facer chamamentos á enxebreza ou ao dano que se fai ao porvir da lingua, mais o argumento fica feble se non está reforzado por outros. Como ben expón César Lorenzo, os falantes téñenlle cariño á lingua, si, mais tamén queren falar cómodos, precisos e curtos. Se non teñen alternativa ou esta é mediocre, ninguén vai optar a mantenta por ter máis problemas ao falar.

Endebén ou endemal, a real linguistik non se pode ignorar. A planificación léxica ha de trunfar para triunfar: xogar sempre algo mellor que todo o que xa hai na mesa. Apelar só ao corazón, as máis das veces, non leva a baza.


Publicado orixinalmente en El ratón ciego.