Skip to content

Dous ao caldeiro

Hai pouco o amigo Iván chiou este curta mensaxe:

E pensei que era un bo momento para tratar o tema.

«Dous ao caldeiro» é un vello argumento contra o galego, que se vai replicando a miúdo (véxase por exemplo) entre aqueles que non consideran o galego unha lingua apta para ensinar algunhas materias, ou considéranna ridícula neste rol. Madia leva, non son o primeiro en falar disto (1, 2, 3 por citar algúns). Pero penso que fai falla unha explicación coidadosa de onde ven o conto, por que non ten sentido, e o que se agocha tras del.

O mito ven sendo tal que así: nas clases de matemáticas, aos nenos galegos apréndeselles a dicir dous ao caldeiro para se referiren ao 2³, ou sexa, 2×2×2. Xa que un caldeiro é comúnmente un balde ou recipiente de líquidos, é este un termo absurdo que vai facer que os rapaces aprendan verbas estrañas e rurais que farán as risas dos falantes doutras linguas e que lles impedirá se comunicaren coa comunidade científica en xeral. Ás veces, outros termos que acompañan este mito son «leiras magnéticas» (as producidas polos imáns) ou «leiras troqueiras» (os diagramas de Venn).

Deixádeme que diga directamente que iso non é máis que un monte de parvadas.

Comecemos polo principio. Como se crean os termos especializados? Hai dous xeitos: ou se xeran «da nada» (enténdaseme) nunha lingua de orixe polo experto, ou, de seren primeiro cuñados noutra lingua, se xeran cun ollo no termo orixinal (que se tomará coma inspiración).

Como ben sabemos, o galego non foi por desgraza lingua de ciencia até hai moi pouquiño. Xa que logo, foi nas últimas décadas cando se fixo o esforzo normalizador e estandarizador para crear os termos ausentes na nosa lingua. Entre moitos outros termos, foi entón cando se tivo que pensar que palabra iamos empregar para falar do 2³.

Para isto, ollouse ao que fixeron linguas irmás no tocante aos patróns e mecanismos utilizados, pois polo xeral téntase— dentro da nosa propia identidade — certa homoxeneidade con elas, que sempre axuda á intercomprensión.

En portugués dise dois ao cubo, en castelán dos al cubo, en catalán dos al cub, en francés deux au cube, en italiano due al cubo, en inglés two cubed… Semella claro que a raíz habitual é a latina cubus. E así foi que en galego se optou tamén por empregar o noso cubo, que fala daquel volume cos tres lados iguais, para expresar 2³ coma dous ao cubo. Consérvase a metáfora do obxecto xeométrico, que se perdería de nos referirmos ao recipiente habitualmente cilíndrico.

Ésta é a primeira mentira logo: ninguén di en galego dous ao caldeiro se non é para facer a brincadeira. Pero, entón, o que pretende quen tanto o repite?

O intento é representar os galegofalantes coma incultos que non saben que o uso de cubo nas outras linguas se refire ao obxecto xeométrico e non ao balde. Pintan dese xeito o galego como algo apartado da modernidade que apenas pode ver as cousas máis que a través do prisma do campo: falar galego é non saber nada do mundo e ficar no illamento. O mito, logo, perpetúa dúas falacias: a que presenta o galego coma lingua desaxeitada para a vida urbá, e a que debuxa un desfase capacitivo respecto ao resto de linguas por escolmar unha raíz diferente (léase logo: peor).

Mais, agarda un chisco, pasaria algo se así fose? Se de certo dixésemos dous ao caldeiro? Pois, velaquí a segunda mentira: non tal, ren de ren.

Nas ciencias hai metáforas a esgalla da vida vulgar. As partículas físicas, elementos tan pequerrechos que non chegan a ser un átomo, teñen sabores con nomes coma cume, fondo, encanto ou estraño, e mesmo cores (vermella, marela ou azul) malia ser tan miúdas que non se poden ver. Os números poden ser primos, amigos, perfectos, ou ata cadrados! (como vai ter forma unha cantidade?). Os buracos negros poden ter ou non pelo e, ao navegarmos pola web (que non é máis ca unha arañeira), as páxinas deixan bolachas (cookies) nos nosos computadores. Empregar obxectos comúns para falar de termos especializados é algo moi frecuente.

Certo é que neste caso, a metáfora do caldeiro non ten moito a ver coa operación matemática; pola contra, o volume dun cubo calcúlase operando ao cubo a lonxitude do seu lado. Pero ás veces estas cousas pasan. Por exemplo, na informática, ás coleccións de pedaciños de código se lles chama library en inglés (que quere dicir biblioteca, xa que vas e colles o que precisas). Mais en castelán e italiano, os primeiros usuarios acostumáronse a dicir librería (libraría) e así quedou. Os pavos veñen da América do Norte mais, tras una serie de coincidencias, os ingleses lles acabaron por chamar turkey (coma Turquía) e os portugueses perú.

Xa vedes que nin sequera tódalas linguas seguen forzosamente os patróns marcadas polas outras á hora de crear termos. O francés é acotío lobo solitario neste senso, empregando palabras creadas localmente coma logiciel ou courriel (por software e email), que só se coñecen nela. Non por iso é o francés unha lingua illada nin retrasada.

Eis a chave do asunto pois. Non, en galego non se di dous ao caldeiro (porque se decidiu que a outra raíz era máis axeitada). Pero, mais importantemente, non pasaría nada se así fose. O galego é unha lingua con capacidade autónoma que pode e debe empregar as súas propias verbas, con todo o orgullo, sen se deixar arrecunchar polo que fan as outras. Ten tanto dereito coma elas para se gabar das súas verbas e usalas cando lle petar.

E os que non lles guste, que boten as súas opinións ao caldeiro.


Publicado orixinalmente en El ratón ciego.